A cámara do iPhone 6s non consegue situarse nunha posición de liderado
mércores, 14 de outubro do 2015
Nos últimos anos afixémonos a que, tras o lanzamento dun
novo iPhone, os smartphone de Apple conseguise manterse nunha posición líder
durante varios meses nunha das características máis apreciadas polos
consumidores, a cámara, pero este ano parece que vai ser distinto, e
dispositivos que chegaron antes ao mercado parecen manter a súa posición á vez
que continúan a saír teléfonos que superan ao de Apple tanto no disparo de
fotografías como na gravación de vídeo se atendemos ás análises de DxOMark.
Tras someter
a probas ao iPhone 6s, dende DxOMark confirman que estamos ante un
smartphone cunha cámara excelente, que acadaría unha puntuación dun 83 en fotografías
e un 80 en vídeos, destacando por conseguir moi bos niveis de exposición, un
enfoque automático rápido e preciso, un balance de brancos bastante fiable e un
bo nivel de detalle coa boa luz, pero a cámara do iPhone 6s non se comportaría
tan ben en condicións con pouca luz, de xeito que en interiores amosaría ruído
visible e algunha alteración da cor, así como algunha outra imperfección.
A nova cámara de 12 Mpíxeles cun sensor BSI de 1/3” sería bastante bo, pero as
probas non amosarían unha mellora substancial na calidade das imaxes con
respecto á cámara do iPhone 6, pero a caída de posicións desta cámara non
suporía un empeoramento da súa calidade, senón unha substancial mellora da
competencia, de xeito que a
cámara do smartphone de Apple empataría coa de dispositivos como o Sony Xperia
Z3 Plus, mentres que se vería superada polas cámaras do Moto X Style (83
puntos), do Samsung Galaxy Note 4 (83), do LG G4 (83), do novo Nexus 6P (84),
do Samsung Galaxy S6 Edge (86) e do Sony Xperia Z5 (87), destacando
especialmente estes dous últimos, que son os grandes smartphones de referencia
con Android, aínda que cómpre destacar que tamén teñen un rango de prezo
bastante elevado, polo que non serán poucos os que prefiran optar por terminais
como o LG G4 ou o Moto X Style, que teñen uns resultados moi próximos a uns
prezos máis contidos.
- Táboa na que se comparan os resultados das cámaras dos smartphones de referencia actualmente