A cámara dixital Nikon Coolpix S800c chega con Android 2.3, Wi-Fi e GPS

mércores, 22 de agosto do 2012 Marcus Fernández

Tras rumores e filtracións sobre unha cámara de Nikon co sistema operativo Android 2.3, finalmente faise oficial, e na Coolpix S800c temos unha cámara dixital compacta cun sensor CMOS de 16 Mpíxeles, zoom óptico de 10x e gravación de vídeo en alta definición a 1.080p, que destaca fronte aos seus competidores por contar cunha pantalla OLED táctil de 3,5 polgadas (dende a que controlar o trebello que permite o uso de aplicacións descargadas de Google Play), conectividade Wi-Fi (para publicar na Internet os contidos capturados e acceder á web), GPS (para poder xeoposicionar fotografías e vídeos) e contar cunha infinidade de filtros e efectos para mellorar ou dar un toque artísticos ás nosas fotografías.

Grazas a Android 2.3 a nova cámara de Nikon incorpora posibilidades inéditas nun dispositivo deste tipo

Con todo isto enténdese que esta cámara, que ten como prezo 349,95 dólares nos EE.UU., está pensada para poder transferir de xeito doado e sen fíos as nosas imaxes e vídeos aos nosos equipos informáticos, poder publicar os contidos capturados en Facebook e outras plataformas dun xeito áxil e incluso para poder empregarse como reprodutor multimedia portátil, de xeito que podería considerarse como un smartphone que non pode efectuar chamadas, pero que toma fotografías cunha calidade moi superior (especialmente polo seu zoom).

PUBLICIDADE