A cámara Sony α6400 preséntase como unha opción ideal para videoblogueiros

mércores, 16 de xaneiro do 2019 Marcus Fernández

Sony está a anuncia a súa nova cámara sen espello α6400, que conta con enfoque automático nos ollos en tempo real, seguimento en tempo real e o enforque automático máis rápido do mundo, á vez que aspira a converterse no referente para os videoblogueiros, xa que pode gravar vídeo en 4K e a súa pantalla táctil LCD de 3 polgadas pode abaterse 180 graos facilitando a gravación a un mesmo sen asistencia de terceiros.
A Sony α6400 ten un sensor APS-C CMOS de 24,2 Mpíxeles, pode disparar até 11 imaxes por segundo con obturación mecánica ou até 8 imaxes por segundo con disparo silencioso (podendo axustar o enfoque e a exposición de xeito continuo) e con función para realizar vídeos en time-lapse (podendo fixarse o disparo en esperas de entre 1 e 60 segundos, cun total de até 9.999 disparos).
Esta nova cámara ten un sistema de enfoque automático impresionante, que herda moitas das tecnoloxías das cámaras de fotograma completo de Sony, de xeito que presenta 425 puntos de detección de fase para o enfoque automático e 425 para a detección de contraste cubrindo preto do 84% da área da imaxe. O procesador de imaxe BIONZ X tamén contribúe a que a cámara poida enfocar en só 0,02 segundos.
Mediante o emprego de intelixencia artificial a α6400 pode gozar de Real-time Eye AF, ou sexa, que a cámara recoñece caras e céntrase nos ollos para conseguir un enfoque preciso e un bo seguimento dos obxectivos a retratar, destacando o feito de que nunha actualización que chegará no verán a cámara tamén recoñecerá a animais, o que resultaría ideal para fotógrafos de vida salvaxe.
A nivel de vídeo, a nova cámara de Sony pode gravar vídeo 4K con grande nivel de detalle, xa que o sensor da cámara recolle 2,4 veces a información necesaria para unha película 4K, polo que consegue uns niveis de detalle e profundidade excepcionais e incluso conta con tecnoloxía de enfoque automático rápido híbrida que facilita que o suxeito que desexemos gravar estea constantemente enfocado, aínda que apareza algún obxecto que se cruce por diante. Tamén resulta moi práctico o feito de que os videoblogueiros poidan marcar o obxecto a enfocar directamente na pantalla táctil da cámara.
Aínda que a gravación en 4K poida ser unha tendencia, cando si destaca a α6400 é ao gravar en Full HD, resolución na que pode rexistrar até 120 imaxes por segundo a 100 Mbps, facilitando así a creación de vídeos en cámara lenta.
Está previsto que esta cámara chegue ao mercado o mes que vén a un prezo de 900 dólares, ou de 1.350 dólares cun obxectivo de 18-135 milímetros.

Vídeo no que presentan as funcionalidades da nova cámara de Sony ideais para videoblogueiros