A cámara OM-3 achega prestacións avanzadas nun corpo vintage

venres, 7 de febreiro do 2025 Marcus Fernández

OM System, marca de cámaras fotográficas antes coñecida como Olympus, está a presentar a nova OM-3, unha cámara micro catro terzos que chegará ao mercado a finais de mes a un prezo de partida de 1.999 euros, buscando achegar liberdade creativa nun formato clásico co que conquistar aos amantes da fotografía retro (tanto a nivel estético, cun deseño inspirado na cámara de película OM-1, como na interface de uso con diais).
A OM-3 ten unha resolución de 20,4 Mpíxeles, pode gravar vídeo até 4K a 60 imaxes por segundo, inclúe un dial creativo para poder realizar axustes rapidamente (facilita o acceso a 4 perfís de color que imitan os dunha película e 4 perfís monocromos), conta cun botón de acceso directo aos modos de fotografía computacional que permite mellorar as imaxes sen necesidade de edición posterior, soporta condicións meteorolóxicas adversas (ten selado certificado IP53) e incluso presume dunha sensibilidade ISO de até 102.400.
As funcións computacionais da cámara permiten, por exemplo, simular os filtros de densidade neutra até ND64, pode disparar fotografías de alta resolucíon (en 80 ou 50 Mpíxeles) e conta con funcións de enfoque como a detección de suxeitos por IA. Tamén é salientable o seu estabilizar de imaxe de 5 eixes até 8 pasos EV e a posibilidade de disparar até 120 fotografías por segundo no modo S-AF (mentres que con seguimento de suxeitos no modo C-AF limítase a 50 imaxes por segundo).
A nivel de vídeo ten modos creativos para facilitar a creación cinematográfica sen precisar de corrección de cor, pode capturar vídeo internamente a 10 bits en H.265 con perfil de cor OM-Log400 (para preservar detalles nas altas luces e sombras) e incluso pode gravar en ProRes RAW a través dun gravador externo.
Estamos ante unha cámara robusta que pesa menos de 500 gramos, polo que resulta ideal para usos creativos ao aire libre, sendo o seu punto máis forte a súa estética vintage.

Vídeo promocional da nova OM-3