A cadea de tendas GAME parece estar en apuros económicos

venres, 3 de febreiro do 2012 Marcus Fernández

O peche da cadea de tendas GameStop en Portugal e norte de Irlanda foi o detonante dunha chea de rumores que indican unha profunda crise no sector da venda física de videoxogos en toda Europa, que incluso afectaría á cadea líder en España, GAME, que estaría a ter problemas de liquidez ata o punto de ter dificultades para aprovisionar copias nos novos lanzamentos, o que afectaría tanto aos seu funcionamento como ao volume de vendas dos xogos (o que tamén preocupa aos directivos de grandes editoras).
Ao parecer, os resultados de GAME no último ano foron peor do agardado, en boa medida pola contracción do sector, provocada tanto pola conxuntura económica como polo transvasamento de usuarios ás descargas dixitais. A cadea GAME parece ter pechado acordos para poder manter a súa actividade durante os vindeiros meses, pero vai ter que facer unha estruturación nas súas 1.275 tendas (268 en España) para adaptarse aos novos tempos se quere manterse no mercado.

PUBLICIDADE