A beta de Star Wars Battlefront principiará o 8 de outubro

xoves, 24 de setembro do 2015 Marcus Fernández

Para que o lanzamento de Star Wars Battlefront o vindeiro 19 de novembro poda ser todo un éxito é preciso que antes realicen unha fase de proba que permita que os usuarios caten o título en primeira persoa e os desenvolvedores analicen a resposta dos seus servidores para evitar o seu colapso inicial, e finalmente sabemos as datas deste beta aberta a usuarios de PlayStation 4, Xbox One e PC (Origin): a beta desenvolverase entre os días 8 e 12 de outubro.
Esta proba técnica permitirá a rebeldes e imperiais descubrir os combates que achegará o xogo final en tres dous seus modo repartidos en tres emblemáticos planetas: Asalto AT-AT en Hoth (combate de até 40 xogadores rebeldes que deben derrotar aos temibles AT-AT, podendo tamén unirse ao imperio para protexelos), Zona de impacto en Sullust (partidas de 8 contra 8 para facerse co control de cápsulas de escape que caen no escenario de combate) e Misión de Supervivencia en Tatooine (partida solitaria ou cooperativa para frear vagas de forzas imperiais como AT-ST, cazas TIE, soldados de asalto de elite e moitos máis).
A beta tamén permitirá gozar de Star Wars Battlefront Companion, a aplicación móbil que complementará o xogo, e que inclúe un xogo de cartas estratéxico (Base Command) e permite desbloquear cartas estelares, armas e máis no xogo principal do que tamén amosa estatísticas e progresos.

PUBLICIDADE