A beta de Star Wars Battlefront estará aberta para todo o mundo

xoves, 17 de setembro do 2015 Marcus Fernández

Até o 19 de novembro non poderemos facernos cunha copia de Star Wars Battlefront, pero as ansias dos xogadores van verse satisfeitas a primeiros de outubro a través dunha beta que permitiranos botar unha ollada ao que achegará o novo título da franquía cinematográfica en forma de videoxogo, e que finalmente non estará limitada, como é habitual, aos xogadores que merquen o xogo de xeito anticipado, senón que chegará a PS4, Xbox One e PC (Origin) con modos en liña e sen conexión aberta para todo o mundo, aínda que polo momento non detallan a data exacta na que estará dispoñible.
A beta do xogo permitiranos participar na batalla de Hoth, en pleno ataque de unidades AT-AT, e na que tamén poderemos probar un novo modo táctico e cheo de acción na Área de cápsulas, que vén a ser unha especie de rei do outeiro, no que o obxectivo son as cápsulas de escape que cruzan a atmosfera e cae sobre a superficie planetaria, e na que os rebeldes e imperiais enfrontaranse en partidas de 8 contra 8 para capturar e controlar as devanditas cápsulas. Este modo de xogo poderase empregar en distintas localizacións, estando na beta a que corresponde a Sullust.
Na beta tamén teremos o modo de misións Supervivencia, no que estaremos varados en Tatooine e deberemos sobrevivir en solitario ou cun amigo que poderá acompañarnos en local ou en liña.
Nas vindeiras semanas irán dando máis detalles sobre esta beta que contribuirá a crear expectación ao redor dun dos xogos máis agardados para a campaña de Nadal, sendo un dos principais produtos amparados polo regreso da saga de Star Wars ás salas cinematográficas.

Na beta poderemos movernos por unha Zona de Impacto en Sullust onde capturar e controlar cápsulas de escape que caen á superficie do planeta

PUBLICIDADE