A beta aberta de Marvel’s Avengers terá lugar durante esta fin de semana

venres, 21 de agosto do 2020 Marcus Fernández

Durante a fin de semana o agardado xogo Marvel’s Avengers realiza unha beta aberta a calquera usuario de PC (Steam), Xbox One e PlayStation 4, de xeito que pódese experimentar o que ofrecerá este xogo cando saia á venda o vindeiro 4 de setembro.
Este xogo épico de acción en terceira persoa combina unha historia cinematográfica orixinal co xogo en solitario ou cooperativo, de xeito que até 4 xogadores poden unirse en liña para superar as distintas misións. A versión de proba permítenos aprender a controlar aos distintos heroes e as súas habilidades, vivindo fragmentos dunha aventura impactante e superando algunhas das súas misións como un xeito de probar o que será o xogo final, a vez que facilita a localización de fallos e problemas que puidera experimentar.

Nunha das misións da beta Kamala Kahn (Ms. Marvel) axuda a Bruce Banner (Hulk) a atopar a JARVIS, intelixencia artificial creada por Tony Stark

Esta versión de proba ofrece bastante contido, de xeito que a súa principal limitación será a do tempo, xa que a beta rematará o domingo ás 21:00 horas, e aínda que o xogo tamén estará dispoñible en Stadia, tal plataforma estará ausente das probas.
Aínda que o xogo está inspirado no Universo Marvel Cinematográfico, non conta cos dereitos para empregar as caras dos actores que encarnan aos personaxes na grande pantalla, aínda que na dobraxe en español si conta con moitas das súas voces, o que axuda a que o usuario identifique mellor a este equipo de heroes que tras unha catástrofe ten que volver xuntarse para protexer o mundo de diferentes ameazas.
A intención de Square Enix é que este non sexa un título estático, senón que reciba numerosos contidos tras o seu lanzamento, o que parece bastante claro se vemos a súa estrutura de misións, que fai doada a incorporación de novos capítulos para ampliar a súa historia até que o título perda o interese dos xogadores.

Tráiler da beta de Marvel’s Avengers

PUBLICIDADE