A beta aberta de Doom estará aberta durante a fin de semana

venres, 15 de abril do 2016 Marcus Fernández

Hoxe é un día moi esperado para os seareiros da franquía de shooters en primeira persoa Doom, xa que comeza a súa beta aberta para PlayStation 4, Xbox One e PC, facilitando así botar unha ollada e experimentar en primeira persoa un adianto do que achegará o xogo final que sairá á venda o 13 de maio.
Como xa detallamos a beta conta con dous mapas (Vaga de calor e Infernal), dous modos de xogo (Partida a morte por equipos e Sendeiro de guerra), un demo xogable e nove armas, amais de armaduras, burlas e módulos de pirateo inéditos.
Para poder gozar da beta aberta até o día 18 hai que ser maior de 18 anos, estando dispoñible na tenda en liña da PlayStation 4 e da Xbox One e, no caso do PC, en Steam, recomendándose neste último caso contar cun ordenador que como mínimo teña un procesador Intel Core i5-2400, 8 GB de RAM e gráfica nVIDIA GeForce GTX 670 con 2 GB de memoria, para poder xogar a 720p, mentres que para gozar do xogo en Full HD habería que ter unha gráfica nVIDIA GeForce GTX 970 con 4 GB de memoria.
No caso da Xbox One tamén é salientable o feito de que, grazas á retrocompatibilidade, tamén están dispoñibles na súa tenda en liña os xogos Doom e Doom II, o que é unha excelente oportunidade para gozar destes clásicos que no seu día adaptáronse á Xbox 360, e que agora ofrécense a 4,79 euros cada un, mentres que o xogo Doom 3 BFG Edition tamén é retrocompatible dende a presente semana, pero só funciona polo momento na súa edición en disco físico (doada de atopar nova por menos de 15 euros).
Haberá que ver como é o xogo final, e como responden ante el os distintos perfís de xogadores, pero polo momento as críticas da versión para PC son realmente nefastas, con usuarios que se queixan do esixente que é a nivel de hardware, do pouco fiel que é á saga e do aburrido que resulta o seu modo multi-xogador, o que leva a pensar que o xogo final terá que pulirse bastante se espera convencer aos xogadores da súa compra, á que seguirán contidos descargables de pagamento (e o correspondente pase de tempada que os recolle a un prezo reducido).

PUBLICIDADE