A banda de 26 GHz licitarase na segunda metade de 2022

xoves, 23 de decembro do 2021 Marcus Fernández

Nos EE.UU. xa hai operadores ofrecendo 5G por mmWave, o que permite grandes velocidades de descarga

O Ministerio de Asunto Económicos e Transformación Dixital publicou unha consulta pública sobre a demanda e o modelo de xestión e explotación da banda de frecuencias de 26 GHz, unha das bandas identificadas como prioritarias para o desenvolvemento da tecnoloxía 5G, xunto ás xa empregadas actualmente bandas de 700 MHz e 3,5 GHz.
A consulta pretende recoller as contribucións dos operadores de telecomunicacións, fabricantes, industria e asociacións sectoriais para ter unha visión actualizada da demanda existente desta banda de frecuencias e as súas aplicacións, os modelos de autorización e de negocio, o ámbito territorial das licenzas, e incluso a dispoñibilidade existente de equipamento e a cadea de valor asociada
A banda de 26 Ghz, tamén chamada de mmWave ou onda milimétrica, permite achegar servizos de comunicacións electrónicas, e tamén para casos de uso de pouca cobertura, alta capacidade e baixa latencia, como son, por exemplo, a cobertura específica en áreas de alta densidade de tráfico, o sector do transporte, aplicacións industriais...
Esta consulta é o paso previo á licitación da banda de 26 GHz, prevista para o segundo semestre de 2022, o que pretenden que sexa un estímulo para o desenvolvemento e implantación da 5G, conseguindo unha banda larga móbil mellorada, con comunicacións masivas máquina a máquina e con comunicacións de baixa latencia.

PUBLICIDADE