A aula Informática do Milladoiro foi empregada en 2018 por 1.350 persoas
luns, 13 de maio do 2019
O
Concello
de Ames (Concellería de Educación e Cultura) fixo balance da
actividade xerada pola Aula de Informática de Milladoiro, posta en
marcha no ano 2003. Segundo se fai saber no reconto, a aula conta
con máis de 1.620 socios e socias, dos cales 32 foron novas altas
producidas ao longo de 2018. Asemade, un total de 1.385 persoas
empregaron o servizo o pasado ano en horario de Aula Aberta, para
realizar xestións e/ou practicar o aprendido nalgún dos once
obradoiros organizados pola propia aula. Estas formacións contaron
coa asistencia de preto dun cento de persoas.
A
maiores do devandito, nos catro meses transcorridos dende o comezo de
2019, máis dunha trintena de persoas participaron nalgunha das
formacións fornecidas, entre elas o curso de iniciación en Internet
destinado aos membros de JUPEMI, finalizado nos últimos días.
Dende
a posta en marcha da Aula de Informática do Milladoiro, en 2003, un
total de 44.544 usuarios e usuarias fixeron uso do servizo de Aula
Aberta.
O
obxectivo deste servizo é facilitar que a veciñanza que non conta
cun equipo informático ou con rede, ou que non poden acceder á
Internet por calquera motivo, poidan realizar diferentes tarefas como
traballos persoais, consultar o correo, ler o xornal, xogar, buscar
información dende as instalacións municipais.
Por
outra banda, a aula tamén organiza unha ampla variedade de cursos e
obradoiros dirixidos a sectores concretos da poboación, os cales se
establecen en función da idade ou do tema. No primeiro trimestre de
2018 ofreceuse un obradoiro sobre a creación dunha conta de correo
electrónico, un taller para a procura de emprego na Rede e unhas
xornadas de iniciación a Internet. Entre abril e xullo impartiuse un
curso de mecanografía dirixido a nenos e nenas de 9 a 12 anos e
outro destinado a rapazas/es de 13 a 18 anos, ademais dun curso sobre
o procesador de textos e un obradoiro sobre como realizar compras en
liña de xeito seguro.
Ademais,
entre os meses de xaneiro e xullo a aula acolleu un obradoiro de
alfabetización dixital para a Escola Integral de maiores do
Milladoiro. Por outra banda, durante o último trimestre do ano,
ofreceuse un novo curso sobre como crear, configurar e usar unha
conta de correo electrónico; ademais dun obradoiro de alfabetización
dixital dirixida a maiores de 16 anos, e un taller para nenos e nenas
de 9 a 12 anos sobre a elaboración de presentacións en Impress
mediante un conto de Nadal. Así, no 2018 a Aula de Informática do
Milladoiro organizou un total de 11 ofertas formativas, que contaron
coa participación dun total de 92 persoas.