A aula CeMIT de Ames presenta novos cursos telemáticos

luns, 18 de xaneiro do 2021 Pedro Pérez

A aula CeMIT do Concello de Ames inicia este 2021 coa programación de novos cursos telemáticos para os meses de xaneiro, febreiro e marzo dirixido a adultos. Esta aula formativa, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, ten como obxectivo facilitar o acceso dos veciños e veciñas de Ames aos diferentes cursos que oferta.
Os cursos impartidos no primeiro trimestre comezarán o día 25 de xaneiro co de edición de imaxes con GIMP, de luns a xoves ata o 4 de febreiro, de 17:30 a 18:30 horas, que serve como curva de aprendizaxe de cara á edición de imaxes a través dun programa de balde. De seguido, impartirase o curso de deseño vectorial con Inkscape, para a realización de carteis e logotipo, a partir do 8 de febreiro ata o 18, no mesmo horario que o anteriormente citado.
Doutra banda, impartiranse dous cursos de diferentes niveis sobre o procesador de textos con LibreOffice Writer. Por un lado o primeiro curso de iniciación será dende o 22 ata o 26 de febreiro, e o segundo, que profundará no procesador de textos, irá do 1 ata o 5 de marzo, ambos no horario de 17:30 a 19:00 horas.
Deste xeito, a aula aberta está dispoñíbel de luns a venres, de 9:30 a 13:30 horas, para que tódolos interesados poidan participar nos cursos dende o lugar en caso de non dispoñer dos medios axeitados. Así, as persoas que se queiran inscribir deben rexistrarse na rede CeMIT e dende aí tramitar a inscrición. Se existise algunha dúbida, poderíase resolver acudindo a Casa da Cultura de Bertamiráns ou poñerse en contacto a través do teléfono 682 373 753 ou do enderezo de correo electrónico: cemit.ames@xunta.gal

PUBLICIDADE