A arte nos videoxogos estará presente no Salón do Libro de Pontevedra

venres, 11 de marzo do 2022 Redacción

A Fundación Museo do Videoxogo de Galicia volve un ano máis ser un dos protagonistas do Salón do Libro de Pontevedra, un dos máis premiados e eloxiados eventos culturais para o público infantil e xuvenil do país. Desta volta a fundación volve contar cun espazo privilexiado dentro de todo o conxunto que é o Salón, cun programa enorme, que se move entre o ocio, a aprendizaxe e a cultura; facendo fincapé nunha temática determinada cada edición, neste caso, a arte.
Unha ocasión de ouro para promover a mostra máis bela e estética que a Fundación leva realizado nas instalacións do Pazo da Cultura de Pontevedra ao longo destes anos, propiciando un lugar de encontro entre as diferentes ramificacións culturais que habitan no Salón, mais cunha precisa mestura co videoxogo, elemento transversal e derivativo das artes que leva practicadas a humanidade até o día de hoxe.
«É unha oportunidade para coñecer a arte que habita no videoxogo, mais tamén o videoxogo que hai na arte. A proposta deste ano busca aportar contexto, ser unha fiestra ao medio no que se enfoca o MUVI, ao mesmo tempo que permite coñecer novos xogos, revalorizar os xa feitos e promover unha visión artística do videoxogo desde moitos puntos de vista», explica Galo Martínez, cofundador da Fundación Museo do Videoxogo de Galicia. «Foi realmente difícil escoller os títulos, tentar sintetizar todas esas ramas culturais que poderíamos chamar artes: a literatura, a pintura, a arquitectura… pero cremos que pagou a pena, xa que nos permitiu facer unha análise fonda do videoxogo, ao mesmo tempo que logramos crear unha mostra dinámica, moi visitable e que de seguro prestará a crianzas e adultos».
Como é habitual, o espazo do MUVI dentro do Salón contará cunha mostra permanente que poderá ser visitada en calquera intre que dure a cita organizada polo Concello de Pontevedra. Doutra banda, tamén están recollidas dentro do programa do Salón varias sesións do obradoiro tecnolóxico Artellando con videoxogos, unha visita guiada por toda a mostra que ampliará os coñecementos das participantes ao mesmo tempo que xogan e obteñen unha visión diferente do que son os videoxogos.
Alén das peañas cos seus respectivos xogos e consolas en exposición, tamén poderase gozar de multitude de títulos de carácter e fondo artístico en todo momento.
Así mesmo, durante as fins de semana que dure o Salón, o equipo da Fundación colaborará con actores do talle de Iago Gordillo (Recuncho Gamer), a revista O Papagaio e a Revista Morcego, desenvolvendo obradoiros temáticos sobre música, ilustración e deseño.
En total, máis de dúas ducias de videoxogos terán cabida na mostra deste ano, escollidos pola súa relación con algunha das artes, a saber: visuais, escénicas, musicais ou literarias. Unha oportunidade única para establecer conexións, aprender e lograr unha mirada crítica e diversa do medio dixital.

PUBLICIDADE