A app española de rastrexo de contactos iniciará as súas probas en Canarias

xoves, 21 de maio do 2020 Marcus Fernández

A API da plataforma desenvolvida conxuntamente por Google e Apple para facilitar a creación de aplicacións móbiles de rastrexo de contactos de cara a establecer novas medidas que axuden a controlar a pandemia en futuras repuntas está a espallarse estes días a través da actualización a iOS 13.5 nos iPhone e a través dunha actualización dos servizos de Google Play no dispositivos con Android 6.0 ou superior. Deste xeito séntanse as bases para as aplicacións de rastrexo de contactos que inicialmente desenvolverán 22 países entre os que estaría presente España.
Aínda que non temos moitos detalles ao respecto, a vicepresidenta Nadia Calviño asegurou no Congreso que están a traballar co Goberno de Canarias para que esta aplicación móbil inicie as súas probas en breve, polo que confíase que en xuño comece a empregarse esta ferramenta nas illas, localización na que resulta de grande interese establecer este tipo de medidas ante a grande afluencia de turistas.
Lembremos que as aplicacións de rastrexo de contactos son de uso voluntario, polo que as probas das mesmas dependen moito do volume de cidadáns dispostos a instalalas. A implantación destas solucións realízase sen terse probado a súa eficacia, o que non debería ser un freo para esta tecnoloxía que, de garantir a privacidade dos usuarios, simplemente suporía unha capa máis de seguridade que moitos agradecerán se así podemos recuperar antes a normalidade.
Nas vindeiras semanas coñeceremos os detalles do funcionamento desta aplicación, que terá cambios en cada territorio, especialmente no que se refire ao xeito de verificar se un usuario dá positivo en coronavirus para así alertar aos seus contactos (non existindo consenso a nivel europeo de se hai que crear rexistros centralizados con esta información tan sensible).

PUBLICIDADE