A aplicación móbil de Vigo permite consultar as prazas libres en cinco estacionamentos

mércores, 21 de agosto do 2019 Fernando Sarasketa

O Concello de Vigo vén de presentar os detalles da máis recente actualización da aplicación móbil municipal, con importantes funcionalidades extra para veciñanza e residentes. A app Vigo, entre outras cousas, dará conta do estado de ocupación dos aparcamentos da cidade, permitindo consultar en tempo real as prazas libres en cinco estacionamento. Nun primeiro momento, a app ofrecerá información sobre media decena de instalacións (Policarpo Sanz, Areal, Urzáiz, Independencia e Pintor Colmeiro), pero está previsto sumar, de maneira paulatina, os restantes parkings.
O alcalde Abel Caballero explicou que a última versión da aplicación Vigo (1.1.3) responde á importante demanda deste tipo de servizos e informacións por parte dos residentes pero tamén da gran cantidade de turistas que se achegan á cidade, tanto en verán (e sobre todo) como no resto do ano.
“En menos dun ano”, indicou o rexedor, “a ferramenta converteuse nunha das aplicacións máis completas do ámbito das Cidades Intelixentes estatais, e unha das mellores valoradas polos usuarios, cun 4,7 sobre 5”. Tamén engadiu que desde o seu lanzamento, o 14 de novembro de 2018, a aplicación instalouse en máis de 20.000 dispositivos, dos que un 83% son Android e un 17% son iOS.
Na sección Mellorar a cidade rexistráronse máis de 2.000 cidadáns que xeraron máis de 2.700 propostas de mellora nos últimos 8 meses, unha información “moi prezada” para o Concello, dixo, engadindo que a ferramenta foi seleccionada por Google como número 1 en aplicacións populares no seu primeiro fin de semana de lanzamento debido aos seus máis de 1.000 descargas en 2 días.
Caballero avanzou máis novidades e seccións como é o proxecto de cidade interactiva para finais de 2019, que permitirá o uso da app como audioguía interactiva en museos, rutas turísticas ou, tamén, en VigoZoo.
Igualmente, facilitará información sobre farmacias de garda, de limpeza, mapas da cidade ou mobilidade en bicicleta.