A aplicación HoloHolo chega a España para converter as cidades no escenario dun xogo colectivo

luns, 17 de setembro do 2012 Fernando Sarasketa

Coñecer fisicamente unha cidade implica, para moitos aspectos, coñecela tamén virtualmente. En realidade, xa apenas concibimos visitar un sitio sen previamente facer uso das novas tecnoloxías. Hoxe toca falar de visitarmos un sitio mentres facemos uso das novas tecnoloxías. Isto, e cousas como facer dunha excursión turística urbana unha aventura, é no que consiste HoloHolo, unha proposta de Echoboom para converter cada móbil no que antano, nas xeiras lúdicas adolescentes, eran os walkie-talkies. Ou sexa, na peza comunicativa clave dunha gincana polos sitios máis emblemáticos dunha cidade. O emprazamento elixido para a estrea da aplicación é Madrid, aínda que xa hai outras cidades sumándose á iniciativa, sinala Echoboom.
En detalle, estamos ante un xogo baseado na posición (xeolocalización) exacta na que se encontra o usuario, e co engadido, para os que unha simple visita a un emprazamento físico lles saiba a pouco, de que “combina ficción e realidade”. De feito, HoloHolo é quen de interactuar cos personaxes-usuarios e segue o argumento da historia proposta. “En cada zona, o participante debe resolver adiviñas ou completar retos ligados á trama da historia para poder desbloquear os capítulos seguintes da narración”, explican polo miúdo os responsábeis da aplicación, e engaden acerca do que nos agarda a continuación: “Ao facer isto, estaremos a descubrir outros espazos, visitando lugares coñecidos pero a través dunha perspectiva diferente”.
A primeira historia proposta é A Xoia da Menina, e ten como emprazamento Madrid, co Rei Felipe IV de España caendo na conta de que alguén quere roubar unha prezada xoia da Familia Real, cousa que o usuario deberá ir desensarillando. O único requirimento é o de ter instalada no móbil a aplicación que se pode descargar nas tendas online de Android e de Apple.

PUBLICIDADE