A Xuntanza Blogueira de Agolada incluirá música, relatorios e visitas guiadas polo contorno

luns, 21 de abril do 2008 Fernando Sarasketa

Unha reunión blogueira no centro de Galiza (o vértice mesmo dun mapa dobrado en catro partes) e que, amais de servir para afianzar os fíos que unen ó colectivo, faga de altofalante para reivindicar un dos espazos de máis valor etnográfico e histórico de Galiza. Esta é máis ou menos o obxectivo da primeira Xuntanza de Blogueiros de Agolada, o 31 de maio, encontro do que xa falamos hai uns días pero que agora colle aínda máis corpo coa publicación na Rede do programa de actividades.
A iniciativa, promovida por Manuel Busto para facer máis fronte común arredor da rede galega e de Galiza mesma (simbolizada neste caso polos Pendellos de Agolada), dará comezo ás 11.30 horas cun primeiro encontro na Praza do Concello, tal como se sinala no caderno habilitado para dar conta da xuntanza.
Nel semella que fica definitivamente claro que non estamos perante unha comida sen máis: haberá todo tipo de material axeitado para relatorios e mesas redondas, música (de Bico da Balouta, Maruxa de Fuxan os Ventos) e mesmo unha ruta (primeiro en autobús e logo xa a pé) cara a un dos espazos de máis valor natural do contorno e de Galiza: o Sobreiral de Arnego en Carmoega.
Incluímos agora o programa de actividades case definitivo (poden xurdir novidades ou cambios) do encontro, organizado e promovido pola Asociación Amigos dos Pendellos en colaboración con D’Agolada, As Beiras do Arnego, A Lareira de Santiso, A Chousa da Alcandra, Ao pé do Farelo e Aquam Latam (blogs de Agolada e das veciñas terras de Santiso e Antas de Ulla).
· 11.30 Chegada á Praza do Concello de Agolada. Recepción con música do grupo de gaitas Bico da Balouta e da Charanga Infantil da Banda0.
· 12:00 Nos Pendellos:
Saúdo e benvida a cargo da Asociación.
Intervencións libres dos blogueiros (saúdo, autopresentación, motivacións relacionadas coa xuntanza, lectura de poemas, etc.)
Relatorio sobre a actualidade dos blogs a cargo dunha ou varias persoas con experiencia neste tema.
Intervencións musicais de Bico da Balouta, Charanga Infantil e A Zanfonista. Viños e petiscos.
Visita guiada polo recinto de Os Pendellos (Espazo que conta coa distinción de Ben de Interese Cultural).
· 14:30 Xantar de confraternidade no restaurante Agolada (estrada de Melide).
Proxección multimedia durante os postres.
17:30 Desplazamento en autobús ata o Sobreiral do Arnego en Carmoega (11 Kms de autobús). Percorrido a pé polo Sobreiral (máximo 4 quilómetros), zona protexida pola Rede Natura 2000 e declarado Lugar de Interese Comunitario (LIC).
· 19:30 Regreso aos Pendellos onde haberá varias actuacións musicais intercaladas coas palabras dos blogueiros que teñan a ben intervir.
Actuarán: Maruxa de Fuxan os Ventos, acompañada ao piano por Pablo Vázquez, director da Coral Polifónica de Agolada.
A Zanfonista.
Almudena Vidal (Guitarra) e Blanca Vello (violín), ambas profesoras de música e intérpretes na Xove Orquestra de Galicia. (Pendentes de confirmalo).

PUBLICIDADE