A Xunta publica un par de guías para facilitar o teletraballo

luns, 30 de marzo do 2020 Redacción

A AMTEGA publica hoxe dúas guías para facilitar o teletraballo a empresas e autónomos e a cidadáns. Os documentos están dispoñibles xa nas páxinas web do CDTIC e Faite Dixital, e nelas atópase información sobre ferramentas, necesidades e tecnoloxías que posibilitan o traballo en remoto. A información das guías complementarase con publicacións diarias nas páxinas web antes mencionadas, nas que empresas e cidadáns poderán realizar consultas en liña.

Guía para empresas

PEME e autónomos poderán atopar na guía información sobre solucións e ferramentas dispoñibles para o almacenamento compartido na nube, a xestión de tarefas entre integrantes de equipos, a xestión de proxectos, suites ofimáticas ou transferencia de arquivos, ademais de consellos e orientación en materia de ciberseguridade.
O contido da guía complementarase con publicacións diarias para empresas e autónomos na web do CDTIC e tamén cun espazo de consulta en colaboración co Clúster TIC. PEME e autónomos poderán trasladar as súas dúbidas a través de correo electrónico, que serán respondidas por profesionais do sector TIC.
A información resultante destas consultas estará a disposición de todas as empresas a través dunha sección de preguntas frecuentes na web do CDTIC.

Guías para cidadáns

Para os cidadáns a guía, cun enfoque sinxelo e divulgativo, afonda nun uso seguro da Rede e ofrece pautas e consellos para un uso que minimice os riscos do teletraballo dende os fogares.
Ao igual que para as PEME e autónomos, estes contidos terán continuidade a través da publicación diaria de novos artigos na páxina web de Faite Dixital, onde tamén poderán realizar consultas en liña, por correo electrónico.

Pílulas sobre solucións de Software libre

Como complemento a todo o anterior tamén estanse a publicar nas páxinas web do CDTIC, Faite Dixital, Mancomún e no YouTube da AMTEGA pílulas informativas sobre ferramentas de software libre para o teletraballo.

PUBLICIDADE