A Xunta porá fin á Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento

luns, 14 de decembro do 2009 Fernando Sarasketa

Á Fundación Galega para a Sociedade da Coñecemento, creada en decembro de 2006 para impulsar a economía pola vía da Investigación e o Desenvolvemento, xa lle queda pouco tempo. Así nolo conta El Faro de Vigo reflectindo obxectivos a medio prazo do Goberno galego. Entre os motivos que se achegan para este cambio de rumbo (posto que nun principio a nova Xunta chegou a facer pensar nun mantemento da entidade e das súas liñas de traballo, creada ao abeiro do bipartito) inclúense o suposto parón produtivo da fundación nos últimos tempos e os seus vínculos con iniciativas políticas previas.
Para a nova xunta, a actividade durante o ano que xa remata non xustificaría unha continuidade, nin tampouco os froitos obtidos ao longo de 2008.
Entre os proxectos que non atoparon consecución atópase a posta en marcha dun satélite cen por cen galego que afianzara e incrementara a cobertura para redes e telefonía móbil, máis que nada nos espazos da nosa xeografía que máis precisan destas tecnoloxías: os espazos rurais. Con todo, a iniciativa non puído saír adiante polos seus custes elevados, polo que a Fundación inclinouse por alugar un satélite externo, acción que aínda fica sen resolver.
Cómpre lembrar que detrás da Fundación, amais do anterior Executivo, atópanse as tres universidades galegas, as tres entidades financeiras principais (Banco Pastor, Caixanova e Caixa Galicia) e empresas como Unión Fenosa, Finsa, Inditex, Coren ou PSA Peugeot Citroën, entre outras. O seu cometido foi o de fomentar proxectos de investigación para empresas e institucións.

PUBLICIDADE