A Xunta porá en marcha un Portal do investidor

luns, 9 de xaneiro do 2012 Raquel Noya

Manuel Galdo anunciando o proxecto de Portal do Investidor

Din os especialistas en economía que sempre é un bo momento para investir, e que con moito tino e mellor man, a sorte sempre está do noso lado.
Se a isto lle engadimos unha web funcional, con información de utilidade sobre orzamentos, bolsas de valores, mercados de divisas, estratexias de inversión e todo tipo de datos sobre economía, o éxito está case asegurado.
Isto último é o máis doado que o Goberno galego ten na súa man para axudar aos e ás investidoras: unha web que achegue información de utilidade e contacto cos sitios máis interesantes, que porá en marcha ao longo deste ano.
Falamos do Portal do Investidor, que terá como obxectivo, en palabras do director xeral de Política Financeira e Tesouro, Manuel Galdo, “incrementar a transparencia coa cidadanía en xeral e cos investidores de débeda pública en particular”.
Galdo explicou que con esta ferramenta, que por certo estará en galego, castelán e inglés, preténdese que, en momentos de elevada complexidade e inestabilidade financeira, “a situación de Galicia, das mellores das comunidades autónomas, poida ser perfectamente coñecida e analizada polos investidores, diferenciándose de maneira positiva en termos de solvencia, prudencia e austeridade”.
De feito, engadiu, neste momento a nosa Comunidade “ten o maior rating -o mesmo que o Estado- que lle poden outorgar as axencias de cualificación Moody´s e Standard & Poors”, “situándose como a mellor considerada entre as autonomías de réxime común”, engadiu.
O portal, que estará asociado a páxina web institucional a través dunha ligazón, aglutinará datos madroeconómicos, financeiros, orzamentarios e institucionais, a modo de ferramenta en liña concibida para a información e consulta especializada.

PUBLICIDADE