A Xunta fomenta o acceso universal á lectura colaborando con 14 audiolibros

luns, 24 de xuño do 2024 S. P.

A Xunta de Galicia anunciou a súa colaboración con 14 proxectos de lanzamento editorial de audiolibros co obxectivo “favorecer o acceso universal á lectura e a creación literaria”.
O obxectivo concreto destas axudas editoriais da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude é impulsar a produción de libros que favorezan tanto a dixitalización como o acceso universal á lectura e á creación literaria galega por parte de toda a poboación a través da posta en marcha de novos formatos como audiolibros en lingua galega.
Trátase dunha medida enmarcada nos obxectivos da futura Lei de cultura inclusiva e accesíbel de Galicia que busca “garantir o acceso á cultura tanto desde a perspectiva do consumo como da creación”. Para isto, a Xunta de Galicia tamén solicitou a produción de catro clásicos da literatura galega que se atoparán dispoñíbeis na plataforma GaliciaLe.
Máis polo miúdo, nesta convocatoria que ten carácter plurianual e un orzamento de 75.000 euros, apóiase a creación de 14 audiolibros que contan cunha achega de ata 5.000 euros. Así, a empresa editora Arrainos Producións impulsará os audiolibros de 90 anos nas ondas. Dos inicios da radio en Galicia aos nosos días, O Camiño de Ramón Chao. Tras as pegadas de Prisciliano e Xosé Velo sen fronteiras.
Edicións Xerais de Galicia, pola súa banda, fará o mesmo coa obra Pel de cordeiro, o último libro de Ledicia Costas, mentres que Editorial Galaxia contará con Daniel no peirao, Hermelindo esbirra poemas e Ícaras. A adxudicación complétase con Dous nenos coma ti e O Parnaso sobre rodas de Editorial Guiverny e con A lagoa máis fermosa de todas as lagoas, A comuna de Valdonelle, Gumes entre a néboa, Loucine e A matanza clandestina de Técnicas & Gramaxe.
Ademais, a Xunta ten previsto incorporar catro clásicos da literatura galega na plataforma de préstamo de obras en formato electrónico das bibliotecas públicas galegas, GaliciaLe. Os libros electrónicos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, O divino sainete de Manuel Curros Enríquez, De catro a catro de Manuel Antonio e Maxina ou a filla espúrea de Marcial Valladares aparecerán en datas vindeiras en formato audiolibro.