A Xunta e o Goberno salientan os seus esforzos conxuntos a prol da educación dixital na pandemia

luns, 21 de xuño do 2021 S. P.

O concello de Muros foi este luns protagonista da actualidade tecnolóxica galega. Máis polo miúdo o seu Instituto de Educación Secundaria As Insuas, onde os Gobernos central e galego fixeron balance do conseguido até o de agora (conxuntamente) polo programa Educa en Dixital, do que o dito centro educativo muradán foi beneficiario. Na visita ao IES participaron o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, e o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones.
Lembraron que Educa en Dixital distribúe entre os nosos centros docentes (preto dun milleiro) 14.500 ordenadores portátiles por valor de preto de 6,6 millóns de euros, co-financiados por Xunta (20%) e Red.es (80%), para o alumnado que máis o precisa. Son computadores a xeito de postos educativos con hardware, software, conectividade a Internet e servizo de asesoramento e técnico avanzados.
Durante a estadía e Muros, o representante da Xunta de Galicia destacou “o impulso definitivo á dixitalización do ensino galego que supuxo a pandemia, coa incorporación de cambios nestes dous últimos cursos que veñen para quedarse e consolidarse no futuro máis inmediato do ensino”. Tamén explicou que o Goberno galego iniciou a ampliación do proxecto de libro dixital E-Dixgal aos cursos de 3º e 4º de ESO o vindeiro ano. “Desta forma, por primeira vez será posíbel estudar con libro electrónico en Galicia durante seis cursos consecutivos”, engadiu.
Polo que se refire a José Miñones, lembrou os obxectivos básicos de Educa en Dixital (unha medida adoptada de xeito extraordinario polo Goberno a raíz da pandemia da COVID-19 para “paliar os efectos dos peches dos centros na evolución educativa do alumnado”) e puxo en valor o traballo do Ministerio de Educación e FP para “garantir o dereito á educación durante a pandemia, na que actuou en coordinación coas autoridades sanitarias e Comunidades Autónomas e coa axuda de toda a comunidade educativa”. Miñones cifrou en 103 millóns a achega do Goberno de España a Galicia para a educación durante a COVID-19. “Desta cantidade”, dixo, “96,5 millóns de euros corresponderon a transferencias directas á Xunta para que esta puidese afrontar gastos extraordinarios no sistema educativo pola pandemia e outras necesidades do profesorado.

PUBLICIDADE