A Xunta dota con equipos informáticos a 55 xulgados de paz galegos

luns, 11 de agosto do 2008 Raquel Noya

A Consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, en colaboración coa entidade Red.es, vén de dotar con 98 ordenadores e 72 equipos multifunción a 55 xulgados de paz galegos nunha actuación que se enmarca no programa Rexistro Civil en Liña, polo cal se investirán ata un máximo de 1.373.458 euros nos 270 xulgados de paz galegos.
Con esta suma, o goberno galego procederá á dotación de equipamento, ao establecemento de infraestrutura e conectividade, á formación e ao soporte da aplicación informática INFOREG e á xestión de altas e atención ao usuario durante o proceso de implantación.
Segundo veñen de informar os responsables da iniciativa, para a instalación deste equipamento foi preciso realizar traballos de cableado e a dotación de encamiñadores (routers) para a conexión á rede corporativa, co fin de que os usuarios dispoñan dos servizos e contidos ofertados no portal da Xunta de Galicia e na intranet corporativa.
Pola súa banda, Red.es desenvolverá a formación e o soporte de usuarios para a implantación da aplicación informática INFOREG 4 nas oficinas do rexistro civil, a cargo dos xulgados de paz. Asemade, Red.es tamén asumirá o soporte informático e desenvolverá o proceso de dixitalización de datos dende 1950.
Os ordenadores concedidos son compactos de sobremesa con procesador Intel (R) Core 2 Duo E6420, con 2,13 Ghz, memoria RAM de 2 GB e disco duro de 320 GB. Estes equipos posúen, ademais, gravadora DVD, teclado con lector de tarxetas criptográficas para a lectura de dispositivos de sinatura electrónica e monitor TFT, entre outras características. Os equipos multifunción –impresora, fotocopiadora, escáner a cor e fax- teñen tecnoloxía de impresión láser, alimentador automático de 50 páxinas e unha velocidade de 28 páxinas por minuto.

PUBLICIDADE