A Xunta destina 24 millóns a transformar tecnoloxicamente o noso comercio

venres, 3 de febreiro do 2023 Lucía Villaverde

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, compareceu este venres 3 de febreiro no Parlamento para informar sobre as principais medidas de apoio ao comercio de proximidade galego previstas para este ano, no que se destinan 24 millóns de euros a contribuír á transformación dixital e sustentábel do sector comercial e artesanal; crear un hub de innovación para desenvolver novos modelos de negocio e mellorar a competitividade do sector; así como impulsar a formación e capacitación para os profesionais deste ámbito, entre outros aspectos.
Segundo fixo saber, ao longo de 2021 e 2022 apoiáronse máis de 13.660 comercios a través de axudas para afrontar os retos da dixitalización. En total, dixo, “cunha achega superior aos 30,3 millóns de euros, posibilitáronse investimentos e vendas por preto de 70 millóns de euros a través de medidas consensuadas e postas en marcha da man do sector, para axustarse mellor ás súas necesidades”.
Entre outras actuacións, Heredia destacou a axuda do fondo tecnolóxico, única dotada con fondos europeos Next Generation. O ano pasado lanzouse unha primeira convocatoria, con 2,7 millóns de euros de orzamento e máis de 367 axudas solicitadas. A segunda convocatoria publicarase nesta primavera cun importe de 2,9 millóns e o director tamén recordou o Bono Activa Comercio.
As medidas específicas para este ano da Dirección Xeral de Comercio e Consumo irán en liña co diagnóstico realizado a partir de enquisas ás asociacións locais, estudos do sector e agrupacións sectoriais. Este labor de acompañamento compleméntase co traballo do Instituto Galego do Consumo e da Competencia.
No tocante aos artesáns, Heredia lembrou que se está a traballar xunto co sector na tramitación da nova lei que impulse a Artesanía de Galicia cara ao futuro como unha actividade económica sustentable, xeradora de emprego e vencellada ao territorio.

PUBLICIDADE