A Xunta confía en Unisys para xestionar a súa rede de comunicacións de voz e datos

xoves, 8 de xaneiro do 2009 Raquel Noya

AXunta de Galicia vén de contratarlle a Unisys, unha compañía global de servizos e solucións de tecnoloxía, un proxecto de outsourcing de dous anos (prorrogable durante outros dous adicionais), na Consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para xestionar os seus sistemas da plataforma informática da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación das Políticas Públicas (DXCAPP) e da rede de comunicacións de voz e datos da Xunta.
Deste xeito, aseguran dende a compañía de servizos, “a institución poderá mellorar a calidade dos servizos que lle ofrece aos cidadáns galegos e reducir os custes operativos”.
As infraestructuras que xestiona Unisys inclúen máis de 280 servidores así como unha rede de almacenamento e backup con máis de 40 TB de capacidade. Sobre a plataforma despregada, instaláronse máis de 250 aplicacións, preto de 450 bases de datos e máis de 300 webs.
Por outra banda, a rede multiservicio xestionada está formada por tres aneis co centro situado en Santiago de Compostela. O equipamento dos nodos está dimensionado para dar acceso a puntos remotos mediante liñas dedicadas, accesos básicos RDSI, accesos ADSL, ATM, MetroEthernet e conexións vía satélite.
Dende o Centro de Xestión de Rede da Xunta de Galicia, Unisys administra todos os equipos de comunicacións que forman parte da mesma, tanto os nodos troncais como os de acceso, ubicados nos máis de 2.800 centros remotos.
O director de outsourcing en Unisys España, Ángel Luis López, vén de anunciar que, dentro da estratexia de crecemento de Unisys nos servizos de outsourcing no Sector Público, “a Xunta de Galicia é un cliente estratéxico, non só pola imoportancia do contrato, senón tamén porque reforza a presenza da compañía en Galicia, dándolle ao mesmo tempo unha referencia de peso no Sector”.

PUBLICIDADE