A Xunta comproba de primeira man o funcionamento da tecnoloxía WiMAX no CPI de Cervantes

venres, 12 de decembro do 2008 Raquel Noya

A experiencia piloto de conexión a Internet a través da tecnoloxía WiMAX que está a desenvolver o Centro Público Integrado (CPI) de Cervantes puido ser coñecida de primeira man polos conselleiros de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Xosé Lois Méndez Romeu, e de Educación e Ordenación Universitaria, Laura Sánchez Piñón, que se achegaron onte ao centro de ensino.
Esta tecnoloxía, que permite enviar o sinal dende unha estación ata puntos situados a 30 quilómetros de distancia, constitúe un innovador sistema que permite a conexión integral a Internet en determinados puntos de difícil conexión debido á orografía de Galicia e fai posible levar a banda larga ata os centros educativos onde as tecnoloxías terrestres como ADSL ou canle non chegan cun custo moito máis baixo que outras liñas como as de enlaces vía satélite.
O CPI de Cervantes conta con esta conexión a través de WiMAX dende hai preto dun mes, e Sánchez Piñón e Méndez Romeu comprobaron os “óptimos resultados” que están a obter no funcionamento da Rede dende entón. A estación base deste centro de ensino está situada na Casa do Concello de Becerreá e dende alí transmítese o sinal a este CPI.
Logo dos resultados acadados con esta experiencia, a Consellería de Educación pretende, segundo vén de anunciar a súa máxima mandataria, “estender esta iniciativa a outros centros e zonas de Galicia nas que a banda larga ten dificultades para cumprir o seu cometido”. Neste senso, Sánchez Piñón destacou a intención do seu departamento de ter implantada a tecnoloxía WiMAX en todos os centros educativos de Galicia que o precisan no horizonte do curso 2009/2010.
Asemade, Laura Sánchez Piñón indicou que todos os centros de ensino públicos de Galicia “dispoñen xa na actualidade de conexión a Internet; e que o 90% dos centros de secundaria e algo máis do 50% dos de primaria contan con canleado integral”, é dicir, acceso a Internet dende todas as súas dependencias. No caso da provincia de Lugo, practicamente o 100% dos centros de secundaria e máis do 30% dos de primaria contan con canleado integral.
A conselleira de Educación sinalou que esta nova tecnoloxía non só está a ser probada no ámbito educativo, senón que tamén achega posibilidades doutros sectores, contribuíndo así a facilitar o desexado equilibrio territorial “para que todos os nosos cidadáns teñan igualdade de condicións tamén no eido tecnolóxico”, apuntou.
Pola súa banda, o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, explicou que, no marco do novo contrato para o servizo de comunicacións da Rede Corporativa da Xunta de Galicia, o seu departamento tratará de “homoxeneizar a calidade do servizo de acceso á Sociedade da Información en todas as instalacións de carácter público da Comunidade Autónoma”, especialmente aos centros educativos. WiMAX será a tecnoloxía empregada para este proxecto, que reduce a fenda dixital desenvolvida historicamente.

PUBLICIDADE