A Xunta avala aos centros educativos para o ensino virtual

venres, 29 de xaneiro do 2021 Pedro Pérez

O Comité Educativo certificou, na reunión deste venres 29, que "o sistema está preparado para a docencia virtual”, con horarios-espello, aulas virtuais operativas e 30.231 profesores formados. O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, insistiu na prioridade de manter o ensino presencia, pero se a situación sanitaria o esixira, os centros están preparados para a atención virtual.
En Galicia, dos 1.226 centros públicos, só 26 teñen aínda pendente a adaptación de algunha materia, área ou módulo á docencia virtual, polo que o departamento educativo xa está traballando con todos eles para solucionar as posíbeis eivas detectadas e acadar canto antes que tódolos centros estean preparados.
No caso de que se teña que optar polo ensino non presencial, a Xunta dispón dun banco de 4.000 equipos informáticos en stock e 14.500 equipos pendentes de subministro por parte do Goberno do Estado que estarían á disposición do alumnado que o precise. Gran parte do profesorado, nestes momentos 30.231 docentes (22.175 deles xa acreditados) participaron nas accións formativas en competencias dixitais para levar a cabo a modalidade virtual con garantías.
Na reunión de hoxe, tamén se tratou unha proposta de traballo para mellorar a atención ao alumnado vulnerábel en caso de confinamento, a través dun plan que será completado nos próximos días. “O sistema educativo galego é froito dun importantísimo traballo de adaptación, cun sobreesforzo por parte do profesorado”, asegurou Román Rodríguez. A idea que mantén a Xunta é a de dispoñer dunha folla de ruta que permita poñer en marcha todos os recursos dispoñíbeis para afrontar a docencia virtual en caso de que fora necesario.

PUBLICIDADE