A Xunta asignará máis de 12 millóns de euros para loitar contra a ciberdelincuencia

venres, 12 de novembro do 2021 Anxo Sesto

O Ciber.gal, o primeiro evento galego de ciberseguridade, chegou este 11 de novembro ao seu remate cunha inscrición de máis de 1.400 participantes, os cales puideron desfrutar tanto de paneis interactivos como de conferencias e actividades sobre seguridade dixital. Mar Pereira, directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMGTEGA), foi a encargada da clausura do evento xunto cos reitores das Universidades de Coruña e Vigo entre outras personalidades.
A directora de AMTEGA indicou que a Xunta destinará unha partida de máis de 12 millóns de euros para elaborar unha fronte común de reforzo e loita contra a ciberdelincuencia.
Esta destacou o traballo realizado de Galicia como comunidade pioneira en materia de ciberseguridade coa posta en marcha do Nodo Galego de Ciberseguridade, CIBER.gal. A esta estrutura de colaboración, creada a mediados do 2020, uníronse arredor de 40 entidades privadas, o Centro Criptolóxico Nacional e outras entidades públicas e privadas.
Grazas a un acordo aprobado no Consello da Xunta, ampliarase a carteira destinada a servizos de ciberseguridade. O Centro de Ciberseguridade de Galicia tamén está en marcha, e albergará servizos especializados como o Centro de Resposta a Incidentes (CSIRT.gal), que leva en funcionamento dende o 2018 mitigando o impacto de incidentes dixitais.
Outras tecnoloxías como o 5G ou a Intelixencia Artificial veñen presentes no programa da Estratexia Galicia Dixital 2030.
Na Cidade da Cultura tivo lugar o evento Ciber.gal, no cal expuxéronse ideas importantes para as empresas relacionadas co impulso da ciberseguridade, as obrigas legais relacionadas con ela e os riscos que corren.
Na tarde do 10 de novembro, desenvolveuse tamén unha actividade dirixida á cidadanía, a final do concurso Ciberseguridade no cole! organizado por Telefónica; así como Capture The Flag pola Cátedra R. As actividades da segunda xornada estiveron destinadas á administración pública coa participación do Centro Criptolóxico Nacional, Marc Vidal e co debate dos máximos representantes dalgunhas comunidades autónomas especializados no campo da ciberseguridade.

PUBLICIDADE