A Xunta achegará 55.000 equipos para facilitar a educación non presencial ou semipresencial

xoves, 24 de setembro do 2020 Redacción

Alberto Núñez Feijóo avanzou hoxe, na rolda de prensa do Consello da Xunta, o reforzo da actividade educativa cun plan de educación non presencial e semipresencial, que permitirá aos alumnos contar, ao longo do curso, con 55.000 dispositivos dixitais. O presidente da Xunta salientou que «estamos a falar dun plan para afrontar coas máximas garantías a educación non presencial e semipresencial e estar preparados para calquera situación que obrigue a suspender a educación presencial, como: supostos de corentenas no caso de contactos estreitos ou supostos de illamentos no caso de positivos», incidindo en que a semipresencialidade está prevista só para alumnos de Bacharelato e FP; mentres que os supostos de non presencialidade se producirán no caso de corentena ou illamento, e se estenderían así tamén para o resto do sistema educativo.
O plan está estruturado en catro grandes eixes de actuación, con medidas dirixidas ao alumnado, ao profesorado, aos centros e ás familias.
No caso do alumnado, reiterou que a primeira acción pasará pola dotación de dispositivos dixitais, co obxectivo de contar cun total de 55.000 dispositivos electrónicos: 20.000 para prestar ao alumnado con máis necesidades económicas, mentres que os restantes corresponden aos participantes no programa de libro dixital E-Dixgal.
Para acadar este fin, investiranse 5,3 millóns de euros en equipamento dentro da iniciativa E-Dixgal, cos que se adquirirán os 10.000 novos equipos necesarios para a ampliación do programa este curso: 8.000 para alumnado e 2.000 para profesorado. Deste xeito, un total de 34.000 alumnos disporán de ordenadores dentro do E-Dixgal.
Ademais, subliñou que o Consello deu luz verde á sinatura dun convenio de 8,5 millóns de euros para cofinanciar co Goberno central a adquisición de 17.000 portátiles, aos que se sumarán outros máis de 3.000 portátiles que achegará a Xunta: 1.000 de maneira inmediata e outros 2.000 que estarán listos ao longo deste primeiro trimestre.
Por outra banda, e no apartado dos contidos, resaltou que o plan inclúe orientacións sobre o estudo e aprendizaxe semipresencial e non presencial, con estratexias de organización. E estenderanse ademais os contidos dixitais para os cursos de 3º e 4º da ESO.
En relación ao eixe dirixido ao profesorado, este centrarase sobre todo na formación, coa elaboración dun plan de formación sobre as aulas virtuais nos centros, así como a posta a disposición da comunidade educativa dun Banco de recursos educativos, para facilitar a semipresencialidade. Ademais de intensificarse o uso da plataforma do libro dixital -que pasou dunha media de 1 millón de accesos a 2,3 millóns- e o servizo de videoconferencia.
No que atinxe aos centros, Feijóo explicou que se publicarán orientacións sobre semipresencialidade para alumnado e familias; «e haberá formación para todos os membros da comunidade educativa, desde a perspectiva educativa e sanitaria», engadiu.
Finalmente, no referido ás familias, o presidente do Executivo autonómico asegurou que a clave será a información, co espazo virtual Volvamos á escola con sentidiño e o reforzo da app AbalarMóbil, que actualmente conta con 290.000 usuarios rexistrados e á que durante o confinamento accederon unha media de 60.000 usuarios diarios.

PUBLICIDADE