A Xbox celebra o Mes del Jugón con descontos

mércores, 1 de abril do 2020 Marcus Fernández

Pese a estarmos en estado de alerta Xbox España mantén a celebración do Mes del Jugón, con descontos e promocións en consolas Xbox One, Xbox Game Pass Ultimate, xogos e accesorios, o que agradecerán moitos dos que están a investir en videoxogos como xeito de mitigar o impacto do confinamento. De feito, datos de GSD sosteñen que as vendas de consolas en España durante a semana na que se decretou o estado de alarma experimentaron un crecemento do 27,7%, pero a primeira semana completa de confinamento as vendas volveron medrar un 66,1%, confirmando que os videoxogos están a empregarse de xeito xeral como unha fórmula de evasión ante a situación actual.
Como exemplo das rebaixas que estarán dispoñibles do 1 ao 14 de abril temos que a Xbox One X pode mercarse por 299 euros, a Xbox One S por 249 euros e a Xbox One S All-Digital Edition por 179 euros; mentres que os xogos de Xbox Game Studios teñen ofertas importantes; o Xbox Game Pass Ultimate, que ofrece un catálogo de máis dun cento de xogos para Xbox One e PC, así como a subscrición de Xbox LIVE Gold, ten activa a promoción 3+3, ou sexa, que por 38,99 euros recíbense 6 meses de servizo (en vez dos 3 habituais por ese prezo); e os mandos sen fíos da Xbox One están rebaixados un 15%.
Por desgraza estas promocións teñen un alcance bastante limitado, xa que neste momento non están abertas as tendas físicas de videoxogos, polo que os consumidores que queiran beneficiarse das ofertas terán que recorrer á compra en liña, que está a ter un pulo moi forte nas últimas semanas.

PUBLICIDADE