A Xbox Series S confirmada pola filtración da caixa dun mando

luns, 10 de agosto do 2020 Marcus Fernández

Veñen de xurdir na Rede imaxes e vídeos dun mando da futura consola Xbox Series X, coa súa correspondente caixa, o que serve para confirmar un ruxerruxe, xa que no seu lateral o mando asegura ser compatible con Xbox One, Windows 10, Android, iOS e Xbox Series X/S, ou sexa, que nas vindeiras semanas é máis que probable que Microsoft presente unha consola Xbox de nova xeración que previsiblemente sería de baixo custo.
Aínda que os prezos das consolas de nova xeración son aínda un misterio, confíase en que, aínda que a Xbox Series X vaia ser cara (xa que sería a consola máis potente do mercado) unha posible Xbox Series S podería correr todos os seus xogos limitando a súa resolución a un máximo de Full HD, o que podería ser máis que suficiente para moitos consumidores que prefiren unha máquina máis económica e que tampouco tiñan previsto conectar a consola a un televisor 4K.
Dende Ars Technica aseguran ter confirmado que esta suposta futura consola de Microsoft levaría por nome Xbox Series S, e lembran que o feito de que Microsoft cesase a produción da Xbox One S sen disco e da Xbox One X dá a entender que a compañía de Redmond está a liberar espazo no seu catálogo para deixar sitio a novas consolas en distintos rangos de prezo, de xeito que manteríase a Xbox One S como unha opción de vella xeración económica, e logo un certo abano de consolas de nova xeración para adaptarse a distintos perfís de usuario.

A caixa do mando confirmaría a existencia da Xbox Series S

PUBLICIDADE