A Xbox One terá unha edición limitada de Forza 6 con 1 TB de disco duro

xoves, 25 de xuño do 2015 Marcus Fernández

Esta semana saíu á venda en España a Xbox One cun disco duro de 1 TB de capacidade a un prezo oficial de 449,99 euros, pero os interesados en facerse cunha da consolas de Microsoft en moitos casos deberían pensar se lles compensa facerse con esta versión básica do novo modelo, xa que está previsto que tras o verán chegue ás tendas incluíndo algún xogo sen custo adicional, e o primeiro lote confirmado deste tipo é a edición limitada da Xbox One co xogo Forza Motorsport 6, que xa pode reservarse nos EE.UU. e que chegaría ao mesmo tempo que o agardado xogo de condución (que ten prevista a súa chegada a España o 18 de setembro).
Pero facerse con este lote da consola non só supón aforrar os 69,99 euros que custa Forza Motorsport 6, senón que tamén permite gozar dunha versión da consola moi rechamante, cunha cor azulada inspirada no estilo dos coches deportivos, un mando da mesma cor (que incluiría o novo conector de auriculares) e cun detalle moi especial: o acendido e o apagado da consola (así como a pulsación do botón de Eject da unidade de Blu-ray) virá acompañado con sons de motor de automóbil en vez dos habituais sons da Xbox One.


Podemos ver os detalles desta fermosa versión da Xbox One no seguinte vídeo:

PUBLICIDADE