A Xbox One supera os 2 millóns de consolas vendidas

mércores, 11 de decembro do 2013 Marcus Fernández

A Xbox One está a ter un bo inicio comercial a nivel mundial

Tras superar o millón de unidades vendidas nas súas primeiras 24 horas, a Xbox One continúa a súa viaxe de cara ao Nadal con forza, e Microsoft detalla agora que a súa nova consola doméstica conseguiu superar os 2 millóns de unidades vendidas en 18 días, nos que a máquina tería superado os 83 millóns de horas de uso, os 39 millóns de logros desbloqueados e os 595 millóns de puntos de Gamescore acumulados, deixando claro que a nova xeración consegue impactar no mercado con forza.

En España a PS4 está a vender considerablemente máis que a consola de Microsoft

Resulta curioso escoitar falar da boa acollida global da Xbox One cando en España está a verse eclipsada pola PlayStation 4, pero cómpre matizar que a consola de Microsoft ten tradicionalmente máis forza no mercado norteamericano, para a que está moi enfocada, mentres que España é un mercado moi fiel a Sony, como demostran os datos que publica o vicepresidente senior da súa división de videoxogos para España e Portugal, James Armstrong, quen asegura que a PS4 vendeu 80.000 unidades en España, o que calculan que sería entre 3,1 e 3,4 veces as vendas da Xbox One. A compañía tamén prevé unhas fortes vendas no Nadal, aínda que non cren que haxa problemas para poder atopar as consolas nas tendas, pois están a esforzarse en mantelas ben abastecidas.

PUBLICIDADE