A Xbox One proba o soporte de webcams USB

venres, 22 de setembro do 2017 Marcus Fernández

Os usuarios de Xbox One podían integrar a súa imaxe nos vídeos de emisión en directo se contaban cun sensor Kinect, pero a última versión de proba do software de sistema da consola de Microsoft activa o soporte de webcams de terceiros, de xeito que os xogadores que queiran retransmitir as súas partidas a través de Mixer poden aproveitar a webcam USB que teñan no seu PC (como as populares webcams de Logitech) para poder integrar a súa imaxe co da partida que están a xogar na consola.
Esta novidade chega no chamado Preview Alpha Ring do programa Insider de Xbox, comezando a estar dispoñible hoxe (algúns usuarios poden tardar semanas en recibila) e pouco a pouco irase probando para a súa posterior aplicación a calquera usuario de Xbox One, xa que Microsoft quere manter esta funcionalidade en probas mentres non se proben un bo número de webcams e poidan pulir esta prestación da Xbox One.
A integración da imaxe dunha webcam dende a Xbox One ten unha grande diferenza fronte ao uso do sensor Kinect, que consiste na eliminación do son da cámara, xa que as webcams carecen normalmente de tecnoloxía de cancelación de eco que si ten Kinect, de xeito que os usuarios que queiran falar durante as retransmisións terán que usar un auricular con micrófono para recoller os seus comentarios en vivo.
Aparte de Mixer, outra aplicación que tamén tirará proveito do uso de webcams será Skype, que facilita así o xeito de realizar videoconferencias no salón a través da consola de videoxogos.

PUBLICIDADE