A Xbox One permitirá compartir xogos descargados e o servizo LIVE Gold

venres, 9 de agosto do 2013 Marcus Fernández

Tras o primeiro unboxing da Xbox One, Microsoft quere seguir a detallar como será o lanzamento da súa nova consola de videoxogos, e hoxe detalla un par de detalles moi interesantes para os fogares nos que serán varias as persoas que usarán a consola.
Por unha banda anuncian que os xogos que se merquen como descarga dixital comportaranse como copias físicas, de xeito que na consola na que estean instalados non será preciso identificarse co gamertag do usuario que o adquiriu, senón que poderán gozar do mesmo outros usuarios. Outra grande vantaxe que terá esta modalidade de compra é que será posible comezar a xogar a un título antes de completar a súa descarga.
Pero a cousa non queda aí, senón que tamén advirten que os beneficios da subscrición a Xbox LIVE Gold non se limitarán a o usuario que contrata o servizo, senón que o resto de membros do fogar tamén poderán xogar en liña, compartir as súas mellores xogadas en vídeo ou navegar pola web empregando o Internet Explorer sen ter que facer un cargo adicional, pois estas funcionalidades están incluídas no que dan en chamar Home Gold.
Un detalle curioso deste último punto é que tamén funciona fóra do noso domicilio, de xeito que se imos a casa dun amigo e nos identificamos na súa consola, tanto nós como o resto de usuarios do equipo poderán gozar do servizo Xbox LIVE Gold mentres permanezamos identifcados.

PUBLICIDADE