A Xbox One estreará versión branca en outubro

luns, 4 de agosto do 2014 Marcus Fernández

Nos últimos días foron moitos os rumores que apuntaban a cambios na comercialización da Xbox One en Europa, que ían dende unha posible rebaixa da consola (que finalmente resultou ser unha confusión entre o prezo en libras e en euros por parte do gabinete de comunicación) ata a estrea dunha versión en branco da consola, que finalmente confirmouse.
A Xbox One branca era unha edición inevitable da nova consola de Microsoft, pois non podemos esquecer que a cor branca foi a característica da Xbox 360, e a primeira Xbox One que estará dispoñible con carcasa branca nas tendas será a que estea incluída no lote da consola co xogo Sunset Overdrive que lanzarase o vindeiro 28 de outubro.
Sunset Overdrive é posiblemente o xogo exclusivo para consolas de nova xeración máis salientable no que resta de ano, polo que o feito de que Microsoft aproveite o seu lanzamento para comercializar unha Xbox One cunha aparencia distinta parece indicar o interese da compañía en destacar a forza do novo xogo para a súa consola, en contraste coa ausencia de grandes xogos de acción exclusivos para PlayStation 4 de cara á campaña de Nadal (aínda que ambas consolas si terán numerosos xogos multi-plataforma do xénero).


Trailer do prometedor Sunset Overdrive

PUBLICIDADE