A Wii contará cun xogo de Pilates no verán

martes, 19 de maio do 2009 Marcus Fernández

A modelo e actriz cubano-española Daisy Fuentes é coñecida nos EE.UU. polas súas intervencións coma presentadora na MTV e por anunciar vídeos de Pilates na televisión, o que aproveitan dende SEGA para lanzar un novo xogo para Wii, Daisy Fuentes Pilates, que fará uso da táboa de equilibrio da consola de Nintendo, seguindo os pasos do Wii Fit, pero cambiando o ioga polo Pilates.
O xogo busca acadar unha experiencia máis completa que cos adestramentos en guiados por gravacións en DVD, xa que emprega os controis da Wii para monitorizar os movementos e conseguir unha resposta instantánea, asegurando que os movementos dos usuarios sexan os axeitados para que rendan o máximo durante as súas sesións de Pilates.
Daisy Fuentes presta a imaxe ao xogo e tamén pon a voz a este produto, destacando o feito de que permite elixir entre español e inglés, algo pouco habitual en produtos lanzados nos EE.UU., país no que Daisy Fuentes Pilates verá a luz no vindeiro verán, descoñecéndose polo momento se chegará a Europa.

PUBLICIDADE