A Wii U confírmase como un dos grandes fracasos da tempada

venres, 17 de xaneiro do 2014 Redacción

A Nintendo non lle saíron ben as contas para este ano fiscal. Ou sexa, para o período de doce meses que remata en marzo. O caso é que a compañía mandou ter listas nove millóns de unidades de Wii U para comercializar, unha cifra que vén de ser rebaixada á de 2,8 millóns. E semella que aínda pode haber máis axustes. As razóns deste gatillazo da mítica compañía de videoxogos xaponesa con base orixinal en Kyoto? Pois habería que buscalas en boa medida no compoñente excesivamente innovador (a un paso do excesivamente complicado) da consola. De feito, lembremos que é unha mestura entre consola e tablet e que achega a posibilidade de xogar sen fíos en varias pantallas de xeito simultáneo, cousa que non convenceu aos desenvolvedores de xogos, que foron deixando á novidade de Nintendo coxa de produtos.
Segundo contan os medios, fracaso da Wii U implicará perdas enormes para a compañía. Pasarase dos 500 millóns de dólares previstos a unhas perdas de 240 millóns. Ademais, a carreira coas consolas competidoras, a Xbox One de Microsoft e a PlayStation 4 de Sony, está a ser especialmente dura. De feito, tal e como demostrou na pasada campaña de Nadal, non houbo competición algunha. En Estados Unidos, mesmo a antiga consola de Microsoft, a Xbox 360, foi quen de rexistrar máis vendas cá Wii U. Lembrar que a consola chegou a Europa en novembro de 2012 e fíxoo cuns prezos que partían de 300 euros cara arriba e en 2 versións diferentes: un lote básico que inclúe unha Wii U con 8 Gb de capacidade de almacenamento interno e un Wii U GamePad (ambos en cor branca) e un lote Premium que chegou en cor negra, ampliando a súa capacidade interna a 32 Gb e incluíndo adicionalmente un soporte para a consola e o GamePad, unha base de recarga do GamePad, unha barra de sensores e o xogo Nintendo Land.

PUBLICIDADE