A Wii U aposta por figuras coleccionables e franquías consolidadas para fornecer o seu futuro

martes, 10 de xuño do 2014 Marcus Fernández

Nintendo leva uns anos afastada dos focos da feira E3, por considerar que este evento non é o máis axeitado para amosar os seus últimos produtos (principalmente para evitar as inevitables comparacións coas consolas de nova xeración dos seus competidores) pero aproveita igualmente a data para anunciar novidades, e hoxe tocoulle a quenda desta edición, cunha especie de Nintendo Direct moi especial, no que unha das grandes novidades foron as figuras Amiibo, que van na liña de Skylanders ou Disney Infinity, achegando estas pezas no mundo real aos videoxogos, o que neste caso é posible grazas á tecnoloxía NFC integrada no mando da Wii U.
O primeiro xogo que aproveitará estas figuras será Super Smash Bros. para Wii U, título que tamén veremos na Nintendo 3DS o vindeiro 3 de outubro (mentres que a versión para a consola doméstica sairá no inverno nunha ata aínda por determinar, dando a impresión de que dependerá en boa media á distribución das figuras Amiibo). Outros xogos que tirarán proveito de Amiibo en Wii U serán Mario Kart 8, Captain Toad: Treasure Tracker, Mario Party 10, Yoshi’s Woolly World e algúns outros. Esta funcionalidade tamén estará presente na Nintendo 3DS a través dun periférico que poderá adquirirse o ano que vén.
Nintendo parece querer corrixir o mal rumbo da Wii U, e para facer tal anunciou unha serie de grandes xogos para os vindeiros meses, que farán que a consola doméstica poida por fin amosar do que é capaz. Un deses grandes títulos será, sen dúbida, o anuncio de The Legend of Zelda para Wii U, un xogo cun basto mundo aberto que explorar que rachará coa estrutura lineal dos seus predecesores e amosará unha aparencia gráfica tamén renovada, e que ten previsto o seu lanzamento para 2015.
Tamén rechamante é o anuncio de Mario Maker para Wii U, tamén en 2015, que será unha ferramenta que permitirá construír os nosos propios niveis de Super Mario Bros co mando táctil da Wii U, e que é de agardar que sexa moi ben recibido polos seareiros das aventuras do fontaneiro de Nintendo que sexan máis creativos.
Pero non todos os lanzamentos se farán agardar ata o ano que vén, senón que o vindeiro outono xa poderemos gozar de Hyrule Warriors, un título que toma a mecánica dos xogos de hack and slash da saga Dynasty Warriors e mestúraa cos personaxes de The Legend of Zelda, dando lugar a un curioso xogo para Wii U que teremos nas tendas a partir do 19 de setembro.
No evento de vídeo de hoxe tamén puideron verse xogos como Yoshi’s Woolly World (que bebe claramente de Kirby en el Reino de los Hilos), Pokémon Rubí Omega e Pokémon Zafiro Alfa (dispoñibles a partir de novembro), Bayonetta 2 (que sairá á venda en outubro), Xenoblade Chronicles X e Splatoon.

Hyrule Warriors será un dos grandes lanzamentos para Wii U no que resta de ano
Bayonetta 2 é o principal reclamo para que os xogadores hardcore aposten pola Wii U


Vídeo completo coas novidades de Nintendo para os vindeiros meses

PUBLICIDADE