A Voz de Vilalba volve ao papel este domingo logo de coller azos na Rede
venres, 27 de xuño do 2008
A historia de A Voz de Vilalba é a historia dun ollar cara ao futuro para volver ao pasado. Ou mellor dito e xa que falamos da Internet (un instrumento de rehabilitación como calquera outro): para poñer o pasado en valor. Isto vén a conto porque o xornal, lanzado en papel a mediados dos anos 80 por tres rapaces da dita localidade chairega (Moncho Paz, Paulo Naseiro e Mario Paz), volveu hai pouco na Rede logo dun tempo máis ou menos longo de silencio e, agora, consolidada a súa andaina en Internet, regresa finalmente ao papel cun número especial que conmemora os 25 anos da publicación, o labor comunicativo en si mesmo e as posibilidades das redes.
Así nolo fai saber Moncho Paz, que xa nos deu algúns detalles sobre a iniciativa: terá unha difusión de 2.000 exemplares e contará con colaboracións de coñecidos chairegos (Antón Baamonde, Chema Felpeto, José-Luís Novo Cazón...) e de escritores como Manuel París, Iago Castro ou César Reis. Amais, incluirá unha entrevista con Ramón Villares Paz, presidente do Consello da Cultura Galega, informacións sobre temas de actualidade, polémicas “e algunha que outra sorpresa”, sinalan os responsables do xornal en liña.
Como dixemos, con este número especial preténdese conmemorar o 25 aniversario da publicación e, por extensión, a importancia de renovar a feitura e o fondo da mesmo labor comunicativo. Asemade, tanto a web como o xornal en papel a piques de saír do prelo, celebran o centenario de El Eco de Villalba, xornal fundado en 1908 por Manuel Mato Vizoso e José Novo Pardo, do que precisamente o IESCHA está a preparar unha edición facsimilar. “Vilalba sempre tivo unha grande tradición xornalística, a proba é que ao longo do primeiro terzo do século XX -entre 1908 e 1932- xurdiron 18 cabeceiras”, engaden os responsables deste medio de comunicación local agora convertido en web informativa aberto á participación activa dos veciños de Vilalba e de todos os galegos.