A USC achega unha aplicación móbil para axudarnos a deixar de fumar

xoves, 16 de setembro do 2021 S. P.

Mozas no campus nunha imaxe de Santi Alvite

A Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos da Universidade de Santiago achegou unha aplicación móbil e unha plataforma en liña para axudar aos fumadores a deixar o seu hábito, co engadido e coa comodidade de poder facelo dende as súas casas, coa axuda e asesoramento dun terapeuta. O Programa para Deixar de Fumar é de balde e lévase a cabo en formato grupal. Para participar, as persoas interesadas deben formalizar a súa inscrición e dispor dun dispositivo electrónico con conexión a Internet (tableta, computador ou teléfono móbil).
O devandito programa de tratamento consta de oito sesións que se desenvolven a través da plataforma en liña, unha vez á semana, cunha hora de duración. Semana a semana, as persoas participantes farán unha redución gradual da cantidade de nicotina que consumen, establecendo cada sete días o número de cigarros que poden fumar diariamente.
Como dixemos, outro dos elementos clave da iniciativa é unha aplicación, “deseñada especificamente para este programa e para axudar aos participantes en todo o seu proceso”, explican dende a Unidade da USC, dirixida polo catedrático da USC Elisardo Becoña Iglesias e coordinada pola profesora Ana López Durán.
Antes de comezar o programa, ás persoas interesadas en participar faráselles unha entrevista e unha avaliación, co obxectivo de coñecer cada caso en particular e adaptar o tratamento ao mesmo. Ao finalizar o programa, “seguiremos en contacto ao longo dun ano, para seguir o seu estado, achegarlles se o precisan e solucionarlles posíbeis dúbidas e problemas que lle poidan ir xurdindo co tempo”, explican. Pode obterse información máis detallada deste tratamento no teléfono 881 81 39 39, a través do enderezo electrónico elisardo.becona@usc.es ou ana.lopez@usc.es

PUBLICIDADE