A UVigo, no posto 133 do ranking de universidades máis populares en YouTube

martes, 5 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

A Universidade de Vigo vén de proclamarse como un referente en YouTube no ámbito docente internacional. Así o confirmou hoxe a institución educativa galega, que foi quen de situarse entre as 200 universidades máis populares no mundo na dita rede social. En termos máis detallados, o espazo audiovisual da UVigo conta con máis de 16.000 subscritores e 5,5 millóns de visualizacións, o que lle valeu para subir até o posto 133 do 2018 Youtube University Ranking, clasificación elaborada pola plataforma internacional UniRank, na que se agrupan máis de 13.000 universidades de todo o mundo. Na dita listaxe figuran escasas universidades estatais.
Segundo engade Vicente Goyanes, coordinador de Servizos Multimedia da Universidade de Vigo, a importante repercusión que está a ter a universidade galega na canle dixital pódese considerar “consecuencia lóxica da calidade do coñecemento dispoñíbel nas diferentes escolas e facultades e da súa transmisión en vídeo por Internet grazas ao papel xogado por UVigoTV”.
A andaina da Universidade de Vigo en YouTube iniciouse o 6 de agosto de 2007 e desde entón publicáronse máis de 3.700 vídeos que acadaron xa preto de 5,5 millóns de visualizacións. As pezas subidas son unha escolma de todas as gravacións dispoñíbeis en UVigoTV, que a estas alturas son xa máis de 18.000. O tempo de visualizacion é de 33,5 millóns de minutos, “o que equivale a máis de 63 anos”, engade Vicente Goyanes.
Con respecto á procedencia xeográfica da comunidade de seareiras e seareiros, practicamente a metade (47,1%) son españois e as demais visualizacións proceden na súa inmensa maioría da América latina, sobre todo de México (11,7%), Colombia (6,3%), Perú (6,3%), Arxentina (5,5) e Chile (3,4).
Os formatos máis comúns son as conferencias e os congresos, así como os propios vídeos promocionais da institución. O máis popular, con máis de 300.500 visualizacións, é unha gravación de 54 minutos sobre programación neurolingüística. Entre os máis populares está tamén o vídeo Marca personal ¿Y tu quien eres?, un dos obradoiros INCUVI-Emprende 2013, con 123.424 visualizacións e un 6,9% do tempo total de visualización da canle.

PUBLICIDADE