A UVigo levará a ciencia e a tecnoloxía a rúas, museos, parques e bares ao abeiro da G-Night

venres, 17 de setembro do 2021 S. P.

A Universidade de Vigo presentou este 16 de setembro o seu programa de actividades para celebrar a Noite galega das persoas investigadoras, a G-Night, á que tamén se sumaron (conxuntamente) a Universidade de Santiago e a Universidade da Coruña (esta última compartiu o mércores a súa axenda) e que encherá con accións de divulgación científica e tecnolóxica as cidades de Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago, A Coruña, Ferrol e Lugo. Segundo fixo saber a UVigo, será unha conmemoración internacional da ciencia e o coñecemento na que ciencia e coñecemento estarán máis ca nunca fóra dos laboratorios.
Este xoves as vicerreitoras de Comunicación e Relacións Institucionais da UVigo, Mónica Valderrama, e de Investigación, Belén Rubio, foron as encargadas de presentar a programación deste evento de divulgación científica que se celebra de xeito simultáneo en cidades de toda Europa o último venres de setembro e que, no caso de Galicia, está coordinado pola Universidade de Vigo. O obxectivo é, como explicaba Rubio, “achegar a figura da persoa investigadora e a investigación e os seus beneficios á sociedade en xeral, prestando especial atención ás vocacións científicas”. Nesta edición, a décima, e baixo o lema Conciencias Creativas, “o leitmotiv será a creatividade e a súa relación co coñecemento científico, a ruptura de estereotipos e a interdisciplinariedade”.
A Universidade de Vigo coordina este evento en Galicia e conta cun financiamento de preto de 154.000 euros, procedentes do programa marco H2020, a través das accións Marie Sklodowska-Curie Actions. Xunto coa institución viguesa participan na organización das actividades as universidade de Santiago e A Coruña, o CESGA, a Unidade de Cultura Científica da Delegación do CSIC en Galicia e Instituto de Investigacións Mariñas, o Centro Oceanográfico de Vigo, Gradiant, ITMATI, INIBIC, SEBBM, co patrocinio da Xunta de Galicia.
A programación da G-Night en Vigo comezará con actividades en centros escolares, pero a parte central do evento desenvolverase pola tarde-noite en diferentes localizacións. No que se refire a Vigo, na praza do Berbés instalarase unha feira científica que se poderá visitar de 18 a 21 horas con 12 postos sobre temáticas variadas, como ciencia mariña, enxeñaría, xenética, termografía ou o monopraza de UVigo Motorsport. Ademais, no edificio Redeiras, a sede institucional da UVigo na cidade, instalarase unha exposición sobre investigación e divulgación científica en galego e ás 19.00 horas comezará un ciclo de relatorios sobre temas como quecemento global, lingüística ou minerais. De xeito paralelo, tamén haberá unha mostra de graffiti en vivo nesa mesma contorna.
Outras das localizacións da G-Night en Vigo serán o Museo Marco, no que dende as 17.30 h haberá un Escape Room e charlas e obradoiros organizados por CEMMA e o Instituto de Investigacións Mariñas, a proxección do documental A muller Romana en Gallaecia e o espectáculo Luthieria electrónica e experimental.
Tamén haberá actividades no campus, concretamente na Biblioteca Central, onde se desenvolverán obradoiros e exposicións arredor da observación astronómica, que culminarán coa actuación do grupo Tinta. Outro dos piares desta iniciativa é a Ciencia no bar, unha proposta que levará a divulgación científica a diversos locais de hostalaría, en concreto no caso de Vigo, no Vitruvia Café, con tres sesións sobre street art, alimentación ou o dieselgate. Finalmente, a programación complétase con paseos científicos pola ría que sairán do Porto de Vigo.
No que atinxe a Ourense, no campus a partir das 18.00 h haberá un paseo científico centrado no ecosistema Campus da Auga e en El Pueblo Café Bar dúas sesións de Ciencia no bar. En Pontevedra terán lugar tamén actividades matinais en centros escolares e, pola tarde, Ciencia no bar en La Gramola e un paseo científico no Parque das Palmeiras.
O programa completo de actividades de cada cidade pode consultarse na web do proxecto G-Night. Por mor das restricións anti-COVID, para participar é preciso inscribirse previamente en todos os eventos agás na feira científica do Berbés e na mostra de graffiti.

PUBLICIDADE