A UVigo lanza unha web coa estimación a dous días vistas do contaxio por COVID-19

luns, 23 de marzo do 2020 Fernando Sarasketa

JPEG - 133.3 KB
O profesor Humberto Michinel, impulsor da iniciativa

O Grupo de Enxeñaría Física da Universidade de Vigo activou unha web na que se pode consultar a súa predición a dous días vista de casos de contaxio de COVID-19. O seu labor de anticipación, aplicábel a Galicia e a España, baseáse nos datos proporcionados diariamente polo Ministerio de Sanidade. Botando man dunha serie de gráficos de sinxela comprensión, podemos coñecer cada día a evolución da cifra de persoas contaxiadas e a estimación da mesma para os seguintes días que fan os investigadores da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do Campus de Ourense.
Impulsando e coordinando a posta en marcha marcha deste servizo atópase Humberto Michinel, catedrático da Universidade de Vigo, que fai saber que a previsión ten unha fiabilidade de arredor do 95%.
Respecto das pautas empregadas, a páxina recolle cada día os datos consolidados de infectados por COVID-19 ás 21.00 h (e subministrados polo Ministerio de Sanidade ás 13.00 h do día seguinte).
A idea de pór en marcha esta ferramenta xurdiu tendo en conta que unha das liñas de investigación “desde hai anos” do Grupo de Enxeñaría Física da Universidade de Vigo, antes denominado Grupo de Óptica Física, “é a dinámica non lineal, que se dá en problemas moi variados, desde o estudo dos tsunamis ou as crises da bolsa ao caos ou a propagación de enfermidades, entre outros moitísimos fenómenos”.
A páxina, sinala o catedrático, comezouse a desenvolver o día 17 de marzo, “cando o Ministerio regularizou a publicación de informes e datos”, e “agardamos que axiña poida deixar de publicar resultados”, amosando o seu desexo de que esta crise se solucione o máis axiña e do mellor xeito posíbel.

PUBLICIDADE