A UVigo impulsa unha plataforma dixital europea para formar ás novas xeracións na loita contra os lumes

luns, 20 de xaneiro do 2025 S. P.

O Campus de Ourense acolle esta semana a xornada de lanzamento do proxecto europeo 5G: Stop Forest Fire For 5Green. Coordinado desde a Universidade de Vigo, o seu obxectivo é crear unha plataforma dixital de alfabetización ambiental na que se amosará a conexión entre o cambio climático e os incendios forestais e porase de relevo a riqueza dos ecosistemas forestais e o seu impacto ambiental.
O proxecto arrancou oficialmente o pasado mes de setembro e prolongarase ata febreiro de 2027. Nel participan, ademais da UVigo, GBA UG (Alemaña); Eno Schoolnet ry (Finlandia); 1st Geniko Lykeio Pallinis “Pierre de Coubertin” (Grecia); Università Degli Studi di Padova (Italia) e Yavuz Selim Ortaokulu e Dunyayi Yasatma Dernegi (Turquía). Está financiado con 250.000 euros polo programa Erasmus+ no marco da convocatoria Cooperation partnerships in school education (KA220-SCH).
A xornada de benvida aos socios celebrouse este luns 20 de xaneiro na Facultade de Ciencias do Campus de Ourense. Segundo se fixo saber, a UVigo lidera este proxecto da man de David Fernández Calviño, profesor e investigador da Facultade de Ciencias do Campus e director do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación desta institución académica. Co seu equipo asume tarefas de coordinación xeral, comunicación entre socios, seguimento do plan de xestión e do orzamento e elaboración de módulos formativos para a plataforma dixital 5Green. “Os traballos clave inclúen a xestión do proxecto, a análise dos impactos ambientais e climáticos nos incendios, a alfabetización en ecosistemas forestais e a avaliación e difusión dos resultados”, sinalan desde a organización.
Os socios da iniciativa desenvolverán a través de catro paquetes de traballo unha plataforma dixital 5G, especialmente pensada para rapazas e rapaces, con módulos educativos, un xogo virtual, un folleto dixital sobre alfabetización ambiental e un mapa dixital que amosará as características dos espazos forestais e as causas e consecuencias dos incendios.