A UVigo celebrou o Día Internacional da Muller rachando cos estereotipos de xénero
mércores, 16 de febreiro do 2022
A Universidade
de Vigo celebrou este venres 11 de febreiro, Día Internacional da
Muller e a Nena na Ciencia, a feira divulgativa eXXperimenta
en Feminino, na cidade de Ourense, e o programa de obradoiros
Elas fan Cientec, no Campus de Vigo. O obxectivo destas
actividades foi dar visibilidade ao traballo que levan a cabo as
tecnólogas e científicas e fomentar a vocación entre as nenas e
adolescentes. Tamén se levan celebrando ao longo de todo o mes
iniciativas en centros educativos de todo Galicia sobre o papel da
muller na ciencia e na tecnoloxía.
Búscase reverter a tendencia do baixo número de mulleres
matriculadas nas carreiras de Ciencias, Tecnoloxías, Enxeñería e
Matemáticas, que de media contan con menos do 20% de alumnado
feminino.
Nos obradoiros deste ano de Elas fan Cientec, organizados por
docentes e investigadores, participaron alumnas de 3º e 4º da ESO,
tanto de Vigo cidade como da súa contorna. Máis de 50 alumnas do
IES de Valadares participaron en actividades tales como, un obradoiro
de termografía infravermella e un taller sobre deseño 3D empregado
na cirurxía veterinaria. Á Escola de Enxeñería de
Telecomunicacións asistiron alumnas do IES Antón Alonso Ríos de
Tomiño, que participaron en obradoiros sobre Lego Robotics e
programación con Scratch, entre outros. A Escola de Enxeñería de
Minas e Enerxía recibiu ás rapazas do IES do Castro, e o Centro de
Investigacións Biomédicas, Cinbio, recibiu a 50 alumnas do IES de
Tambo de Marín. Estas dividíronse en grupos para ir pasando polos
diferentes laboratorios e practicar diferentes experimentos. Fixeron
tanto preparados de nanopartículas de ouro no Laboratorio
FanNanoBio, como practicaron coa síntese de nanopartículas e coa
comprobación das propiedades ópticas no Laboratorio de
TeamNanoTech.
Ciencia nas rúas de Ourense
Arredor dun cento de investigadoras, profesoras e mesmo alumnas da
Facultade de Ciencias, da Escola Superior de Enxeñaría Informática,
da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e da Escola
Universitaria de Enfermaría do campus de Ourense participaron este
venres na feira divulgativa eXXperimenta
en Feminino. V Xornada de Divulgación en Ciencia, Tecnoloxía,
Enxeñaría e Matemáticas. Foi o primeiro ano que esta
iniciativa saíu das instalacións universitarias e se trasladou á
rúa do Paseo, no centro da cidade de Ourense.
As coordinadoras do proxecto, Julia Carballo, Alma Gómez e Nieves
Lorenzo, comentaron que a acollida foi inmellorable e que é
importante seguir destacando o papel da muller na ciencia. Tamén se
uniu a estas consideracións Esther de Blas, vicerreitora do campus
de Ourense, que felicitou ás coordinadoras por sacar a ciencia á
rúa e fomentar a vocación científica entre as rapazas.
Nos dez postos atendidos por mulleres da comunidade universitaria, o
públicou asistente a eXXperimenta en Feminino puido
participar e ver dende certos microorganismos que se atopan na auga,
ata coñecer a cantidade de aire nos pulmóns.