A UVigo celebra o Día da Ciencia en Galego con tres coñecidos galifluencers
luns, 4 de novembro do 2024
Como cada 4 de novembro dende hai 14 anos, Galicia celebra o seu Día da Ciencia en Galego, unha celebración que serve para lembrar á sociedade galega que o seu idioma, como calquera outro, vale tanto para falar de letras como de números, ciencia, tecnoloxía... A Universidade de Vigo (UVigo) contribúe a esta celebración elixindo a tres coñecidos galifluencers: Prado Rúa, Iago Gordillo e Esther Estévez para festexar esta data.
Deste xeito, a UVigo está a preparar diferentes actividades que se levarán a cabo ao longo de todo o mes de novembro coas que pór en valor o uso da lingua galega, tanto no eido científico como en calquera outro, sobre todo entre a mocidade, dados os preocupantes datos publicados recentemente polo Instituto Galego de Estatística en relación ao descenso de uso do idioma galego entre as persoas máis novas.
Será o vindeiro mércores, 6 de novembro, cando comecen as actividades no edificio Redeiras cun ciclo de charlas de galinfluencers, no que diferentes creadores de contidos en galego, que realizan divulgación a través das redes sociais, achegarán a súa experiencia aos asistentes ás instalacións da UVigo na cidade.
Indo ao miolo do Día da Ciencia en Galego, este mércores ás 19 horas coa visita da ourensá María Rodríguez Rúa (Prado Rúa), creadora de contido dixital en galego, fundamentalmente divulgación cultural, e quen amorea milleiros de seguidores nos seus perfís de Instagram e TikTok. Convertida nunha das influencers do momento, falará na charla sobre o seu traballo e por que se decidiu a facelo en galego.
A seguinte cita será o mércores 13 de novembro coa visita de Iago Gordillo, creador do proxecto audiovisual Recuncho Gamer, canle de YouTube de divulgación de videoxogos en galego que recibiu xa numerosos premios, entre eles Youtubeiras 2023. Neste nova conversa Gordillo explicará como nesta canle non só se fala de videoxogos, senón que se pon o foco en distintos eidos culturais, nos simbolismos de determinados elementos e mesmo na música.
O ciclo pecharase o mércores 27 de novembro cun relatorio a cargo de Esther Estévez. Xornalista de profesión, Estévez deu o salto á fama co programa Dígocho Eu, un proxecto divulgativo en redes da CRTVG para achegar o galego á poboación dun xeito entretido e dinámico e, grazas ao cal, Estévez recibiu un dos premios máis relevantes do audiovisual galego, o Premio Mestre Mateo á Mellor Comunicadora, galardón que recolleu en dúas ocasións (2022 e 2023), converténdose na persoa máis nova en recibir este recoñecemento.
Alén deste ciclo, dende a UCC+i están a coordinar a elaboración dun Minidicionario de vocabulario científico-técnico en galego, realizado en colaboración coa Área de Normalización Lingüística e co que se busca o triplo obxectivo de: normalizar o uso do idioma propio no ámbito escolar e universitario, visibilizar o traballo investigador realizado na UVigo en galego e apoiar o traballo científico nesta lingua.
En canto ás actividades conmemorativas do Día da Ciencia en Galego, pecharanse coa presentación de proxectos de investigación realizados por persoal da UVigo nos que se pon en valor o emprego da lingua e a cultura galega en diferentes centros educativos da contorna.
O primeiro proxecto que se levará aos centros é a exposición Arqueoloxía Dixital galega, creada por Óscar Penín, investigador do GEAAT, o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Facultade de Historia. A exposición métese de cheo no traballo da arqueoloxía contemporánea e nas súas conexións cos mundos virtuais.
Engadir que todas as accións vencelladas á celebración do Día da Ciencia en Galego forman parte do plan anual de actividades Ciencia de Ida e Volta, que conta coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y Tecnología (FECYT)-Ministerio de Ciencia, Innovación y Universidades.