A USC rexistra un sistema que mide a reputación das marcas na Rede
mércores 1 de setembro do 2010, por |
O grupo de
investigación Novos Medios da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago
de Compostela, non dedicou o verán a descansar como gran parte da poboación
galega que afortunada ela se desprazou á plaia fuxindo do calor que asolou o
país, senón que traballou nun sistema de medición de marcas na Rede, que vén de
rexistrar e que bautismou como Nostracker.
Esta ferramenta é quen
de analizar a reputación en Internet de marcas, empresas, persoas e incluso
temas e, asemade, permite seguir de xeito automático a información que xeran
blogs, redes sociais e todo tipo de medios dixitais na Rede.
As aplicacións
de Nostracker, que xa se empregan de maneira efectiva sobre 10.000 blogs
galegos, un cento de medios dixitais e un milleiro de grupos en Twitter,
permiten procesar, xestionar e seguir as conversas e informacións xeradas nos
medios dixitais, para, dalgunha maneira, tratar de marcar o grao de
popularidade dos temas de xeito automático.
O sistema, que se
centra principalmente nos ámbitos locais e micromedios, fai unha análise e un
seguimento da reputación de marcas, temas, personalidades e fluxos de opinión
na Rede a partir da identificación da información xerada polos usuarios.
Posteriormente
establece e clasifica a diferenciación entre comentarios e informacións
positivas e negativas, ademais de definir cada un dos actores e temas
relacionados coas comunicacións. En función da notoriedade, popularidade e
relevancia, a ferramenta establece un ranking de “reputación” en Internet.
Rúa Conxo de Arriba 49- 1 C
15706 Santiago de Compostela
Teléfono-fax:981 53 02 68
redaccion@codigocero.com

















