A USC prepara o escenario da I Conferencia Universidade 2.0

mércores, 4 de maio do 2011 Raquel Noya

O vindeiro día 12 de maio, vanse achegar a Compostela (concretamente á Facultade de Ciencias da Comunicación) as Universidades, editoriais, produtores de software e especialistas en TIC máis importantes do mundo, para reflexionar sobre o presente e o futuro da educación, contemplados dende a perspectiva das tecnoloxías dixitais e a comunicación.
Farano durante a xornada Universidad 2.0, que se celebra por primeira vez no noso país, e que levará por lema En busca da Innovación Educativa.
A cita ten como obxectivo reunir aos mellores especialistas do sector para que compartan experiencias e inquedanzas entre outros profesionais, para así, entre todos, poder redefinir a aplicación das TIC no escenario da educación superior, máis polo miúdo, no uso de contidos e plataformas dixitais.
Este encontro, no que participarán representantes de Pearson, MeuBook, Netex, Microsoft, Intel, Google ou Oracle, entre outras prestixiosas entidades, tamén desenvolverá mesas redondas, que permitirán o debate e a participación dos oíntes a través de preguntas.
Asemade, varias entidades exporán os seus casos de éxito para a súa análise por parte dos asistentes, como os representantes da Universitat Rovira i Virgili, cunha ampla experiencia neste eido.
Cabe destacar que, dada a importancia das TIC neste evento, os relatores convidados empregarán dispositivos electrónicos nas súas intervencións, tales como atrís dixitais ou pizarras interactivas.
As persoas interesadas en asistir poden facelo de balde, tendo en conta, asemade, que as xornadas se van difundir vía Streamming e a través de Twitter co obxecto de interactuar cos asistentes virtuais.

PUBLICIDADE