A USC pon en marcha un grao de robótica e prepara un mestrado de empresas e tecnoloxías

xoves, 18 de xullo do 2019 Redacción

JPEG - 101 KB
Consello da USC celebrado este xoves 18 no Campus de Lugo

A Universidade de Santiago está a ampliar a súa oferta formativa cara ao tecnolóxico e o innovador. Isto é aplicábel ás súas novas titulacións, entre as que se conta o grao de Empresa e Tecnoloxía (a impartir, no curso 2020/2021, na Facultade de Administración e Dirección de Empresas, no Campus de Lugo), cuxo obxectivo é “satisfacer as inquedanzas transversais e as cada vez maiores destrezas tecnolóxicas que amosan os mozos e as mozas”, e mailo grao de Robótica (este mesmo curso 2019/2020, na Escola Politécnica Superior de Lugo), cuxa finalidade é capacitar ás alumnas e alumnos nos sistemas intelixentes e, dentro deles, os ámbitos altamente especializados.
En total, poranse en marcha en 2020 tres novos títulos de grao e dous mestrados.
A materialización destas novas titulacións, presentadas hoxe, permitirá a USC fortalecer e renovar a súa xa ampla oferta nos Campus de Lugo, onde se impartirán os graos de Empresa e Tecnoloxía (Facultade de ADE), Bioquímica (Facultade de Ciencias), e Xestión Cultural (Facultade de Humanidades), e de Compostela, no que as facultades de Xeografía e Historia e de Farmacia acollerán, respectivamente, a partir do vindeiro curso académico 2010-21 as sedes dos mestrados interuniversitarios en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade e Nanociencia e Nanotecnoloxía.
Isto polo que respecta ao vindeiro ano académico. Neste período 2019/2020, comezan a súa andaina o devandito grao en Robótica e o mestrado universitario en Enxeñaría de Procesado de Alimentos, ademais doutros títulos propios (o mestrado en Igualdade de Oportunidades e Xénero na Empresa, na Escola Universitaria Relacións Laborais).
Esta aposta pola renovación da oferta é a proba, segundo a USC, da súa capacidade “para traballar a prol de respostas acaídas ás novas necesidades e expectativas da sociedade”.

PUBLICIDADE